MÁIS INFORMACIÓN
A “árbore das canles dos ríos”, presente en Galicia desde hai milleiros de anos, hoxe en día é menos abundante pola transformación en cultivos das marxes fluviais e zonas húmidas. A pesar do dito segue a ser a raíña das ribeiras pois nas súas raíces hai nódulos de pequenas bacterias fixadoras de nitróxeno, que fan aumentar a cantidade deste nutriente no empobrecido solo húmido. A máis a base dos ameneiros é un prezado refuxio para pequenos vertebrados e invertebrados bentónicos.
Non obstante xa desde a antigüidade o ser humano sacoulle ao ameneiro outras utilidades. Coa súa cortiza, xunto con limadura de ferro, facíase unha excelente tintura negra para curtidos, boinas e sombreiros, ou ben extraíase un aceite para repeler mosquitos. A madeira, como era resistente a auga, utilizábase na construción de pontes, muíños e postes baixo a auga, e tamén na fabricación de pequenos utensilios e zocos, actividades estas últimas que continúan na actualidade. Asemade o seu carbón tiña utilidade para a fabricación de pólvora. Por outra banda o ameneiro, segundo as lendas, é unha das árbores usadas para gardar tesouros e tamén é a árbore das máscaras do Entroido ourensán.
ORIXE DO NOME
O nome Ameneiro ten orixe prerromana, paleoindoeuropea a partir da partícula Am – “canle, canal,” á que posteriormente se engadiría o sufixo latino –AIRO.
OUTROS NOMES
Amieiro, abeneiro.