MÁIS INFORMACIÓN
Os castiñeiros son plantas orixinarias de Galicia, tal como demostran os estudos de pole antigo. Así e todo, foron os romanos os que espallaron o seu cultivo ata ser hoxe en día unha das fontes de ingresos das comarcas interiores. De feito, a maior concentración de soutos en España atópase a media altura entre o oriente galego e o occidentes leonés. Estes soutos cultívanse para a obtención de castañas pero deles sácase tamén madeira. Noutro tempo os soutos eran frecuentes en toda Galicia, pero o mal da tinta fíxoos estragar e foron substituídos en moitas áreas por cultivos e plantacións de eucaliptos e piñeiros.
As castañas foron a base da alimentación en Galicia ata a chegada da pataca, chamada nalgúns sitios castaña de terra. Coas castañas elaborábanse guisos e caldos que chegaron ata os nosos días. A máis con elas prepáranse marmeladas, “marron glacés” e purés doces. No imaxinario galego os trasnos son os que varean os castiñeiros cheos de ourizos sen deixar logo rastro algún.
A madeira de castiñeiro sempre foi aprezada para a fabricación de mobles, barricas de viño (xa que dicían que eran as mellores) e carpintería en xeral. Coas súas varas fabrícanse cestos.
Case toda a árbore é rica en taninos, polo que a súa casca servía para curtir peles. Tamén coa cortiza preparábase unha tintura negra e xunto coas follas teñen utilidade en Medicina popular, pois presentan propiedades astrinxentes e tamén son útiles para as inflamacións de gorxa e a tose.
ORIXE DO NOME
O nome de castiñeiro vén do latín CASTANĚA + -ARIU, que a súa vez parece provir do grego kastanon: castaño, que faria referencia a Kastana, cidade do Ponto onde se cultivou esta árbore desde tempos remotos.