MÁIS INFORMACIÓN
Quen lle ía dicir a esta espiñenta árbore, empregada adoito para formar sebes ou coma patrón de enxertos, que se transformaría na “planta do corazón”, outrora utilizada polos gregos para ese mesmo fin. Agora ben, ata que os científicos avalaron as súas propiedades ao final do século pasado, non se tiña aceptado o uso das súas flores en Medicina. Na actualidade as flores da árbore pódense utilizar para regular o ritmo cardíaco e mellorar a circulación coronaria.
Por outra banda, a riqueza en pectinas das flores dálles propiedades emolientes adecuadas para suavizar a garganta e vías respiratorias nos catarros. A máis resultan eficaces para evitar a proliferación de microorganismos porque son capaces de paralizar o crecemento das bacterias. Estas flores tamén diminúen o estrés e axúdanos a conciliar o sono, coma se de tila se tratara. Así e todo se as cortamos para ramos podrecen moi rápido desprendendo un olor desagradable, o que probablemente dera pé á crenza de moitas zonas de Europa de que se introducimos flores de espiño na casa ocorrerá unha morte nese ano.
Os froitos tamén son útiles, serven de alimento aos animais do bosque e leiras e serven para elaborar marmeladas ricas en vitamina C ou licores.
ORIXE DO NOME
A palabra espiño provén do latín SPĪNU(S) – “espiño” , que a súa vez parece provir do indoeuropeo (s)p(h)ei – punta – “ew”.
O nome de escambrón, ademais de terse utilizado para o espiño, utilízase para outras árbores coma o Bruñeiro ou a pereira brava, do mesmo xeito que o nome de estripo.
Escambrón provén do latín “CRABRO, -ONIS” – “abellón”, por comparación das espiñas e a súa ramaxe enmarañada co aguillón deste insecto. A variedade galega con ES estaría en relación coa variante scalabrne, scarabone, scalambru, sclambruni, “abellón”, explicado polo influxo de SCARABEUS “escaravello” sobre CRABRONEN.
OUTROS NOMES
Escambrón, estripo.