MÁIS INFORMACIÓN
A nogueira cultívase desde tempos moi antigos pola súa madeira e as súas semente. A presencia de nomes de lugar relacionados con nogueiras mostra a importancia histórica que tivo esta especie na economía e paisaxe galega. Se ben no pasado foi abundante, hoxe, debido á continua corta para mobiliario e cosntrución naval e ao elevado prezo da súa madeira córtanse bastante máis das que se plantan.
Os froitos e sementes teñen gran importancia ecolóxica porque serven de alimento para os animais silvestres, que contribúen á propagación da árbore. A casca verde do froito produce a nogalina, un verniz empregado no medio rural para tinguir de cor parda as prendas e o pelo e macerándoa co augardente conseguíase un licor escuro con propiedades estomacais. A semente é comestible e moi nutritiva.
As súas propiedades medicinais son variadas: as follas e a casca son ricas en vitamina A, a casca e os conchos verdes poden utilizarse como astrinxentes e o aceite da noz como vermífugo. No pasado considerábase que as noces tiñan moitas propiedades medicinais pola súa semellanza co cerebro.
Crese que a súa sombra é maligna, quizais porque o contido en tanino das súas follas dificulta o crecemento do céspede e outras plantas no seu entorno.
ORIXE DO NOME
O nome de Nogueira deriva do latín clásico NǓCE (noz) + o sufixo – ARIA.
OUTROS NOMES
Noceira, caroleiro, caroleira, carroleiro, carroleira, concheiro, concheira.