MÁIS INFORMACIÓN
O piñeiro é unha árbore autóctona de Galicia que estaría en regresión de non ser polo desgraciado concepto de bosque = monte = plantación, tan espallado no noso país que ten transformada a nosa paisaxe, sobre todo nas zonas baixas, nun continuo de plantacións de piñeiro ou eucalipto en vez de bosques e matos que corresponderían a esas altitudes.
Esta especie de crecemento rápido é a máis empregada en repoboación. Utilízase a súa madeira para a fabricación de taboleiros e carpintería xeral (caixas, travesas). As piñas teñen utilidade para acender os lumes, xa que non se apagan e a cortiza utilizouse coma curtidor.
Utilízanse bastante para a extracción de trementina noutras partes de España, cuxa destilación da lugar ao augarrás e a un residuo que é o que se chama pez grega o colofonia. Estes produtos teñen gran interese para a industria química, de vernices e en perfumería.
A brea e alcatráns extraídos do piñeiro usábanse para o calafateado dos navíos, o que reduciu as masas de piñeiros sobre todo na vertente mediterránea. O piñeiro tamén utilizábase para as cubertas e o forro dos grandes buques da Armada.
En canto as súas funcións medicinais foron utilizados no pasado os brotes tenros en infusión para catarros e bronquite. Ademais a trementina úsase en ungüentos contra o reuma o tamén para as infeccións das vías respiratorias.
ORIXE DO NOME
O nome de piñeiro provén de do seu nome latino PINUS , que a súa vez parece derivar do celta pin: montaña, pola facilidade con que algunhas das súas especies viven en terreos case sen solo. Para outros derivaría de PITU, o nome en sánscrito do piñeiro.