MÁIS INFORMACIÓN
O estripo aparece no interior doutros bosques en Galicia, sen acadar nunca dimensións axeitadas para a utilización da súa madeira. O que si se pode utilizar é as pólas para leña, dando un combustible de boa calidade co que tamén se podía facer no pasado carbón vexetal. Pero, sen dúbida, o maior interese desta árbore é coma patrón de enxertos de variedades de pereiras comerciais, co que se incrementa a resistencia a pragas destas variedades e aclimátanse mellor.
ORIXE DO NOME
O nome de Estripo vén do latín STǏRPE + o sufixo – ARIU , que daría estripeiro e posteriormente Estripo. O nome poñeríase polo seu uso coma enxerto dalgunhas variedades de árbores.
O nome Pereira parece vir do latín PYRUS, ao parecer derivado do celta pir : pera.
O nome de escambrón, ademais de terse utilizado para o espiño, utilízase para outras árbores coma o Bruñeiro ou a pereira brava, do mesmo xeito que o nome de estripo.
Escambrón provén do latín “CRABRO, -ONIS” – “abellón”, por comparación das espiñas e a súa ramaxe enmarañada co aguillón deste insecto. A variedade galega con ES estaría en relación coa variante scalabrne, scarabone, scalambru, sclambruni, “abellón”, explicado polo influxo de SCARABEUS “escaravello” sobre CRABRONEN.
OUTROS NOMES
Pereira brava, escambrón.