MÁIS INFORMACIÓN
O carballo é unha fermosa árbore de gran porte que vén do Cretácico, diversificouse no Terciario e chega a vivir máis de 1000 anos. Era a árbore que representaba ao país, coma demostran os frecuentes topónimos, pero na actualidade quedan poucos bosques de carballo ben conservados e os seus pés non deixan de ser minoritarios, en xeral un tanto raquíticos e moitos enfermos de Oidium, un fungo que debilita á árbore e lle provoca manchas brancas nas follas. O cerquiño, a diferenza do carballo común, aguanta mellor a continentalidade, polo que aparece cara o interior, aínda que se pode atopar disperso por toda Galicia. Resiste os lumes repetidos pero entón forma matos. A máis é capaz de rebrotar abundantemente desde a raíz. É probable que queden máis representacións de cerquiño que de carballo común.
As causas da diminución das carballeiras e bosques de cerquiño en particular, os bosques potenciais de gran parte de Galicia, hai que buscalas nun uso lamentable do bosque desde hai milenios:
As escasas carballeiras de cerquiño que quedan teñen un gran valor ecolóxico, conservan en manteñen solos fértiles e profundos, regulan o réxime hídrico, ofrecen refuxio e alimentos a numerosos animais do bosque, coma ferreiriños, papuxas, tordos, pequenos roedores ou mamíferos máis grandes coma corzos. Baixo eles crecen gran diversidade de plantas e fungos, que son aproveitables facéndoo de xeito razoable.
Como era de esperar nunha árbore antigamente tan común hai numerosas tradicións e costumes vinculados con ela. En concreto do cerquiño din que cura a sarna fretando o corpo contra a súa cortiza e deixando a roupa pendurada das súas pólas.
ORIXE DO NOME
O nome de cerquiño deriva do nome latino Quercus, pero a partir dunha variante vulgar CERCUS OU CERQ(U)US cun sufixo precedente de - ĪNUS ou de - ĪNĚUS.
Respecto a palabra rebolo é difícil coñecer a súa orixe. Algúns filólogos inclínanse por un derivado do latín PULLUS “broulla”, a través do latín vulgar REPǓLLUS (segundo Corominas) que faría referencia a que rebrota con moita facilidade.
OUTROS NOMES
Cerqueiro, carballo cerquiño, rebolo, carballo mouro, carballo negro.