MÁIS INFORMACIÓN
Os salgueiros son árbores pequenas ou matos da ribeira de todos os ríos, regatos e lagoas do país, de xeito que úsanse para protexer da erosión nas beiras de canles e correntes de auga.
Outra das utilidades xerais dos salgueiros é a cestería xa que en xeral posúen pólas moi flexibles. Para ter dabondo desmoúcase ás árbores do vimbio para obter o vimbio ou recóllense as pólas xoves do salgueiro branco.
A madeira do salgueiro branco é moi resistente á fricción, polo que tense empregado en ortopedia, como zapata de freo ou para os paos de crícket ingleses. Coas ramiñas afiábanse os coitelos, e séguense a facer paíños de dentes, mistos e mangos de ferramentas pola súa lixeireza. Ao queimalos a lume lento fanse carbonciños de debuxo de calidade.
As propiedades medicinais dos salgueiros son de todos coñecidas, pois é da súa cortiza da que se obtivo orixinariamente a salicilina, da que deriva o ácido acetil-salicílico da aspirina. O mellor salgueiro para a súa extracción é o salgueiro branco, aínda que o S. atrocinerea tamén contén salicilina.
ORIXE DO NOME
O nome de salgueiro vén do seu nome latino SALICARIO, que a súa vez derivaría do nome común SALIX + ARIU – co significado de lugar con SALIX.
Segundo outros autores o nome de SALIX sería de orixe celta e derivaría de sal (próximo) e lis (auga), aludindo a tendencia destas árbores a estar na ribeira das augas doces.