MÁIS INFORMACIÓN
Os teixos son uns dos avós da Natureza, pois poden acadar máis de 1000 anos de idade. Aínda que deberon ser moi abundantes no pasado dada a súa presencia nos nomes de lugar, actualmente quedan poucos exemplares, polo que necesitan protección. En Galicia soamente atopamos un teixedal, o de Casaio, con exemplares centenarios impresionantes.
O teixo é todo el, incluídas as sementes, moi tóxico, por ter alcaloides velenosos como a a taxina, que so falta na envoltura vermella carnosa da semente para facilitar a súa dispersión polas aves. Precisamente con veleno de teixo conta a tradición que se suicidaron os nosos devanceiros no monte Medulio (quizais no Courel) antes de entregarse á dominación romana do emperador Augusto.
A madeira é moi estimada por ebanistas e torneiros, xa que curva moi ben. De feito era moi utilizada para facer arcos , coma os de Robin Hood . Deste material eran tamén algúns sarcófagos de faraóns exipcios. Asemade desde antigo utilizábase para facer as tallas e máscaras que adornaban os barcos de guerra.
En Medicina utilízase un composto derivado do teixo, o taxol, de propiedades antitumorais.
O teixo tamén é empregado en xardinería pola vistoso das súas follas e a facilidade que ten de facer sebes.
ORIXE DO NOME
A orixe do nome teixo provén do seu nome latino TAXUS, que a súa vez viría do grego. Do grego podería derivar de varias palabras: de taxis – fila, polas súas follas dispostas aparentemente en dúas filas; de toxikos – veleno, pola sabida toxicidade da árbore, ou de taxon – arco, pola flexibilidade das súas pólas.