MÁIS INFORMACIÓN
Os umeiros non son moi frecuentes en Galicia, probablemente por causa da súa utilización en costrución naval da Mariña, que reduciu moito as súas poboacións e máis recentemente pola grafiose, unha enfermidade causada por un fungo e transmitida por un coleóptero que destruíu case todos os olmos. Non obstante antes eran moi utilizados coma ornamentais polo seu porte, frondosidade e sombra que producían.
A utilización da madeira en construción naval ten fácil explicación se temos en conta que é moi resistente á putrefacción; por ese mesmo motivo utilizábase en pilotes de minas e pozos. O doado do seu traballo fai que con ela se fabriquen mobles, tarimas e obxectos sometidos a golpes repetidos coma pezas de maquinaria ou prensas.
En canto ao seu emprego coma medicinal queda restrinxido á cortiza externa e interna. A externa emprégase coma astrinxente mentres que a mucilaxe que solta a cortiza das ramiñas tenras era considerado bo para as queimaduras. A cortiza interna serve coma sudorífico e contra as afeccións de pel.
ORIXE DO NOME
O nome de umeiro deriva do seu nome latino ǓLMU máis o sufixo – ARIA, que daría *ULMARIU. A súa vez este nome tería raíz prerromana relacionada coa auga, probablemente a raíz *UM-, como a que presenta o río Umia.
OUTROS NOMES
Olmo, olmeiro.