Monumento natural praia das Catedrais, 2005
A praia das Catedrais xunto coas augas que a bañan atópanse na liña litoral do extremo noleste da provincia de Lugo, entre os concellos de Ribadeo e Foz nunha zona de xistos e lousas facilmente fracturables que forman un conxunto de grande interese paisaxístico e xeomorfolóxico.
O conxunto do monumento esténdese ao longo do límite occidental da rasa cantábrica, unha plataforma de abrasión mariña que emerxeu durante o Terciario , hai máis de 20 millóns de anos e que forma un claro chanzo duns 10 – 20 m de altura ao longo dos 2km e medio de lonxitude deste monumento natural. Ao longo do espazo aparecen pequenos cantís mariños e praias de area intercaladas con illotes, promotorios, arcos e furnas de caprichosas formas debido á forte acción mariña e o derrubamento das bóvedas de antigas grutas mariñas. Na baixamar pódese pasear sobre a fina area do fondo que constitúen as praias da zona.
Na súa porción occidental hai unha extensión de mato costeiro típico da rasa cantábrica que se considera hábitat prioritario pola directiva Hábitat. Esta carroucheira-toxeira está composta maioritariamente pola carroucha Erica vagans e o toxo mariño (Ulex europaeus subsp. europaeus f. maritimus).
Por outra banda é moi importante na zona a vexetación propia dos cantís adapatada á salinidade e o vento que forman unha asociación endémica da rasa na que destaca a subsp cantábrica da herba de namorar (Armeria pubigera subsp. depilata).
Superficie: 28,94 Ha Altitude: 10 - 20 m Tª medias: 13,9 ºC e ausencia de xeadas Precipitación: 1.019 mm Bioclima: Hiperoceánico subhiperoceánico, cunha amplitude térmica entre 8 e 11ºC. |
Rexión xeobotánica Rexión Eurosiberiana Provincia Atlántica Europea, subprovincia Cantabroatlántica Sector Galaico- Asturiano, subsector Cantábrico occidental (1). |
Medidas de protección |