Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Monumento natural Pena Corneira, 2007

Pena CorneiraO Monumento Natural de Pena Corneira sitúase na comarca do Ribeiro, na provincia de Ourense, facendo fronteira coa provincia de Pontevedra. O Monumento é a prolongación cara o nordeste da serra do Suído da Dorsal galega, unha zona montañosa a cabalo entre as altitudes de máis de 1000m da Dorsal e os vales do Avia e do Miño, surcada por numerosos regatos que van cara o Avia.

Trátase dun macizo granítico de importancia xeolóxica internacional orixinado a partir dunha  masa plutónica de 18 km x 7 km, froito dun magma que se solidificou a causa da estrutura profunda dun antigo volcán, hai aproximadamente uns 300 millóns de anos.  A diferente cristalización interna condicionou a evolución xeomorfolóxica posterior, que permite observar na actualidade a distinta modelaxe do relevo no que atopamos cristas graníticas, domos alvéolos, caos de bolos, pías (pot holes)..., entre as que destaca a Pena Corneira, un bolo granítico duns 10m de diámetro.

Flora

Neste monumento natural atópanse sobre todo distintos bosques e matos, se ben nas partes máis baixas da serra aparecen pequenas masas de repoboación de piñeiros e eucaliptos.

Nas marxes dos regatos de todo o espazo aparece o bosque de galería típico do sur e oeste de Galicia, con ameneiros, salgueiros entre outras árbores, coma o freixo de folla estreita, que aparece aquí pola maior influencia mediterránea. Ás veces a abundancia de carballos permite falar incluso dunha carballeira edafohigrófila.

Nas partes baixas o bosque clímax correspóndese coa carballeira termófila acidófila de carballo con xilbarda no sotobosque. Nela medran tamén castiñeiros, cerquiños e grazas a oceanidade do clima aparecen especies termófilas coma o loureiro ou o érbedo e nas zonas máis baixas a sobreira e o trovisco (Daphne gnidium),formándose entón unha carballeira-sobreiral. Ademais o sotobosque presenta unha grande variedade de matos coma o sanguiño,o acivro, a pereira silvestre, o espiño albar oua herba salgueira.

Nas zonas onde desapareceu o bosque e non hai repoboación, aparecen comunidades de mato que  substitúen ao bosque orixinal, atópanse distintas xestas coma Cytisus striatus e Genista triacanthos, así como os toxos Ulex minor e U. europaeus.

A máis de 500m.s.n.m., en zonas máis frías e húmidas, desenvólvese a carballeira de montaña con arando,de carácter máis continental e sen especies termófilas. Nesta carballeira abunda máis o bidueiro, xa que hai maiores precipitacións e polo tanto menor evapotranspiración das árbores. Tamén hai máis castiñeiro, pois a maior continentalidade evita o mal da tinta. O mato de substitución presente está integrada por distintas especies de toxo coma o Ulex europaeus ou o U. minor,  a queiruga maior ( Daboecia cantabrica), a uz branca (Erica arborea) e a carroucha  Erica  cinerea.

  
Datos xerais
Superficie: 998 Ha
Altitude: 415 - 848 m
Tª medias: 11,5 ºC - 13,5 ºC
Precipitación: 1.100 - 2.000 mm
Bioclima: Oceánico semihiperoceánico, cunha amplitude térmica entre 11 e 14ºC.
Rexión xeobotánica

Rexión Eurosiberiana
Provincia Atlántica Europea, subprovincia Cantabroatlántica
Sector Galaico – Portugués, subsector Rías Baixas (2b)
Sector Galaico interior, subsector Ourensano-Lugués (3e)
Medidas de protección
Europarc
Humidal protexido
IBA
LIC
Monumento natural
Parque nacional
Parque natural
PIX
Reserva da biosfera
ZEPA
ZEPVN


Ir ao mapa de espazos protexidos


Contacto e créditos