Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Parque Natural Complexo húmido de Corrubedo

Este espazo é un excelente exemplo de complexo de barra-lagoa litoral, cun extenso sistema dunar en avanzado estado de evolución, de gran valor natural e paisaxístico. Constitúe probablemente a mellor e máis extensa representación deste tipo de ambientes do noroeste de España, e alberga unha gran variedade de tipos de hábitat nun espazo relativamente reducido.

O conxunto xeolóxico do Parque Natural formouse hai 12.000 a 15.000 anos, no Cuaternario. A erosión e a acumulación de area polo vento orixinou unha barreira areosa que pechou a primitiva baía. Formouse así unha masa de auga encorada, que foise colmatando progresivamente por sedimentos traídos polo vento e os ríos, perdendo profundidade e dando lugar á actual zona húmida de Carregal, formada por unha lagoa litoral e unha marisma, que se prolonga na lagoa de Artes e a lagoa de Vixán, ao sur da zona. A zona de Carregal quedou comunicada co mar mediante pequenas canles e constitúe o que actualmente é unha lagoa litoral semipechada e a marisma correspondente, que vese sometida ás oscilacións do nivel das augas pola marea e as chuvias, o que condiciona a súa vexetación. A lagoa de Vixán, por contra, está illada normalmente do mar, e as súas augas son doces ou debilmente salobres, o que facilita o desenvolvemento dun amplo cinto de vexetación de auga doce, con predominio das carriceiras. Parque Natural de Corrubedo

A barra litoral está formada por un sistema dunar  e praias na fronte costeira. O sistema dunar aparece ben estruturado, con dunas primarias, secundarias, semifixadas, chairas eólicas e varios corredores e depresións de deflación eólica, mentres que as praias, nas que aparece algún baixío rochoso, abranguen unha lonxitude duns 5km.

Por último, hai que mencionar que ao norte do espazo encóntrase unha gran duna móbil que avanza cara o interior impulsada polos ventos do suroeste. (preto de 1 km de lonxitude, ata 250 m de anchura e unha altura duns 15 m) e nos extremos setentrional e meridional aparece costa rochosa baixa, piñeirais de repoboación e áreas cultivadas.

Hábitats e flora

O complexo húmido de Corrubedo é un dos ecosistemas litorais máis ricos e diversos da nosa comunidade. O catálogo de flora rolda as 250 especies, moitas delas endemismos ibéricos occidentais ou ameazadas.

As comunidades vexetais de praia e dunas están moi ben representadas. Destaca especialmente a  vexetación propia das dunas estabilizadas, localizadas nas zonas máis afastadas e protexidas do mar. Aí atópanse gran número de plantas anuais, pequenos matos e herbáceas sobre unha densa alfombra de brións e liques.

En depresións húmidas e prados areosos da trasduna aparecen varias especies de orquídeas, algunhas delas pouco frecuentes ou recollidas no anexo II da Directiva Hábitat.

A marisma, dado o distinto réxime hidrolóxico e salinidade que existe, presenta tamén unha gran variedade de comunidades vexetais:

  • Na lagoa de Carregal e Artes, con influencia diaria das mareas, predomina a vexetación de marismas e xunqueiras salobres e halófilas, nas que abundan o verdello (Salicornia ramosissima), a verdoaga marítima (Halimione portulacoides) e os xuncos (Juncus maritimus), entre outras moitas plantas adaptadas aos solos lamacentos intermareais.
  • Na lagoa de Carregal e Artes, con influencia diaria das mareas, predomina a vexetación de marismas e xunqueiras salobres e halófilas, nas que abundan o verdello (Salicornia ramosissima), a verdoaga marítima (Halimione portulacoides) e os xuncos (Juncus maritimus), entre outras moitas plantas adaptadas aos solos lamacentos intermareais.

Nos solos máis evolucionados que rodean ao complexo e sobre dunas fixadas desenvólvese un piñeiral de repoboación de piñeiro marítimo (Pinus pinaster) e piñeiro insigne (Pinus radiata), baixo o que se dá un sotobosque de fentos, toxos, uces e xestas. Nas zonas de bordo destes piñeirais e sobre areas estabilizadas aparecen algunhas plantas e matos termófilos como as carpazas (Cistus salviifolius), o xacinto endémico (Scilla merinoi) ou o trovisco (Daphne gnidium).

  
Datos xerais
Superficie: 996,25 Ha
Altitude: 0 - 73 m
Tª medias: 14,6 ºC e ausencia total de xeadas
Precipitación: arredor dos 1.244 mm
Bioclima: Hiperoceánico subhiperoceánico cunha amplitude térmica entre 8 e 11ºC.
Rexión xeobotánica

Rexión Eurosiberiana
Provincia Atlántica Europea, subprovincia Cantabroatlántica
Sector Galaico – Portugués, subsector Fisterrano(2a)
Medidas de protección
Europarc
Humidal protexido
Humidal Ramsar
IBA
LIC
Monumento natural
Parque nacional
Parque natural
PIX
Reserva da biosfera
ZEPA
ZEPVN


Ir ao mapa de espazos protexidos


Contacto e créditos