Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Parque Natural das Fragas do Eume, 1997

Parque Natural Fragas do EumeO Parque Natural das Fragas do Eume sitúase no norleste da provincia da Coruña, entre a Ría de Ares no oeste  e a Serra da Loba na parte oriental, dentro da comarca do Eume. O Parque abrangue os últimos 30km da conca do río Eume que forma un encaixoado val de orixe tectónico, con profundas pendentes nas ladeiras e varios chanzos a 200, 400 e 600m; nalgúns sitios supéranse os 300 metros de desnivel en poucos quilómetros. Ao longo do seu percorrido o Eume atravesa rochas de distinta orixe, así, a súa parte occidental entra dentro do dominio da Serie de Ordes, con seixos e xistos e un cinto de rochas básicas e a parte leste queda baixo o dominio do Ollo do Sapo no que aflora o excepcional gneis glandular entre xistos,  lousas e cuarcitas.

As fragas do Eume constitúen o bosque atlántico termófilo mixto mellor conservado de Europa, no que se atopan numerosas especies de vexetais e animais ameazados e algunhas especies relictas dos tempos subtropicais do Terciario, hai máis de 20 millóns de anos.

Flora

Fragas do Eume

O bosque de ribeira é dos mellores conservados da Europa atlántica. Asemade presenta gran biodiversidade por estar o Eume nun lugar de contacto entre os sectores bioxeográficos galaico-portugués e galaico-asturiano.  Ademais o estrato herbáceo posúe multitude de planta de interese coma diferentes narcisos, allos silvestres ou luzulas.

A baixa altitude aparece a carballeira  de carballo co fento blecho no estrato herbáceo. Nelas medran gran variedade de árbores e arbustos como as abeleiras, freixos, pradairos, estripos e, nas zonas máis baixas e abrigadas, loureiros, érbedos e sobreiras. Incluso chegan a aparecer especies raras na Galicia costeira ou situadas no bordo da súa área de distribución, coma o teixo, o acivro, o rebolo o carballo albar, o umeiro montano ou a cerdeira brava.

O bidueiro (Betula celtiberica) é especialmente numeroso nas vagoadas do contorno do encoro.

A vexetación de paredes rochosas silíceas está moi ben representada no canón entre o encoro e a central hidroeléctrica.

O espazo tamén presenta distintos tipos de matos, como os matos das turbeiras nas partes máis elevadas, nos que destaca a presenza da carroucha Erica mackaiana e a xesta Cytisus ingramii, endémicas do norte de Galicia.

Por debaixo dos 400 m de altitude nas carballeiras e abeledos das vagoadas, refúxianse unha enorme variedade de fentos, briófitos e liques. Hai fentos relictos  raros coma Vandeboschia speciosa, Hymenophyllum tumbrigense, a cabriña (Davallia canariensis) ou Woodwardia radicans, hai un fento en perigo, ofento do cabeliño (Culcita macrocarpa) e existen máis de 220 especies de briófitos e liques respectivamente, algúns deles raros para Galicia e España.

  
Datos xerais
Superficie: 9.076,82 Ha
Altitude: de 0 a 720 m. Media 413 m
Tª medias: de 11,7 º C aos 15,1 ºC
Precipitación: 1.400 mm preto da costa e os máis de 1.900 mm nas zonas máis altas do interior.
Bioclima: (8 – 14ºC de amplitude térmica) Hiperoceánico subhiperoceánico, Oceánico semihiperoceánico.
Rexión xeobotánica

Rexión Eurosiberiana
Provincia Atlántica Europea, subprovincia Cantabroatlántica
Sector Galaico- Asturiano, subsector Cantábrico occidental (1)
Medidas de protección
Europarc
Humidal protexido
IBA
LIC
Monumento natural
Parque nacional
Parque natural
PIX
Reserva da biosfera
ZEPA
ZEPVN


Ir ao mapa de espazos protexidos


Contacto e créditos