Parque Natural O Invernadeiro, 1993
O Parque Natural de Invernadeiro sitúase no municipio de Vilariño de Conso, na porción centro-oriental da provincia de Ourense, ao sur do Macizo Central, nunha das áreas máis altas de Galicia e das poucas totalmente deshabitadas. Excepcionalmente é zona fronteiriza das condición climáticas, o que queda reflexado na vexetación. Inclúense no parque os vales encaixados de varios ríos e regatos pertencentes a conca do Sil e o circo de cumios das serras de Queixa e Fial das Corzas e os montes de Invernadoiro.
Sobre os xistos, cuarcitas e granitos do parque as augas e os xeos desenvolveron a súa acción nos últimos milleiros de anos, modelando unha paisaxe cuxas mellores manifestacións son as morenas e circos glaciares como o do Figueiro. Tamén aparecen frecuentes fervenzas (como a dos Arcos, no barranco de Guasenza) e asemade existen algunhas zonas chás illadas arredor dos 1.000 m de altitude, rexuvenecidas pola rede fluvial.
Polo dito é obvio que O Invernadeiro ten un excepcional valor xeomorfolóxico, xunto co seu valor botánico e faunístico.
As condicións bioclimáticas fronteirizas e a altitude, xunto coa variedade xeolóxica do terreo que condiciona a accidentada orografía da zona, permitiron aos axentes de modelaxe crear unha paisaxe que favoreceu o asentamento de distintos tipos de vexetación. Non obstante a actividade do ser humano neste espacio influíu decisivamente na composición vexetal actual; o pastoreo, as queimas para pastos e as cortas, así como as repoboación forestais con piñeiro e os incendios forestais fixeron dos matos as formacións máis abundantes, xunto con bosques autóctonos en recuperación nos fondos de vales e ladeiras medias-baixas, vexetación herbácea nos cumes e restos das antigas plantacións forestais de piñeiros rubios (Pinus sylvestris), que ocuparon unha gran parte do actual parque ata comezos da década de 1980.
No interior dos ríos aparece a habitual flora acuática con ranúnculos, e outras plantas do leito do río. Nas ribeiras dos ríos, nas zonas máis baixas aparece o bosque de galería, no que os ameneiros, freixos, salgueiros (Salix alba) e o sanguiño son árbores destacadas. Nos cursos de auga de forte pendente predominan as abeleiras.
As abas da serra atópanse a certa altitude, o que fai que aparezan bosques de cerquiño con feo, que nos indican ben a continentalidade da zona. Pero tamén encóntranse carballeiras de carballo albar sen especies típicamente atlánticas como a queiruga maior, constituíndo estas carballeiras as máis sudoccidentais de Europa. Ademais nos vales angostos e húmidos, coma no barranco de Guasenza, aparecen carballeiras de montaña con arandos no sotobosque.
Os pisos máis altos das abas son ocupados por bidueirais, dominado polo bidueiro e no nivel herbáceo polas seixebras. No mesmo ambiente poden aparecen formacións de acivros.
Outras árbores que dan biodiversidade a estes bosques son o teixo, o cancereixo, o abruñeiro e o pradairo. Asemade atópanse especies en perigo de extinción, coma Eryngium duriaei subsp. juresianum, se ben é máis frecuente en terreos abertos.
Por outra banda existen prados de distintas orixes nos cumes e ladeiras de pouca pendente que conteñen gran número de plantas endémicas e infrecuentes en Galicia.
Nas fisuras dos rochedos aparece vexetación adaptada a esas duras condicións.
Tamén, nos chaos das partes elevadas, danse as condicións apropiadas para que se desenvolva prados e matos de turbeiras.
Nas zonas nas que desapareceu a cuberta vexetal instálanse matos de distinto tipo dependendo da altitude, orientación e substrato.Os máis frecuentes son:
Superficie: 5.722 Ha. Altitude: 830 aos 1.613 m (monte Castrelo Grande). Outras elevacións son Cabezo de Berganciños (1.594 m), Cenzoá (1.555 m), Cabeza da Veiga do Fial (1.552 m), As Pozas (1.544 m) e Cabeza do Cernado (1.518 m). Tª medias: veráns calorosos e secos, (carácter parcialmente mediterráneo) con máximas de ata 31 ºC, e invernos bastantes fríos, con mínimas que poden chegar aos -7 ºC. Precipitación: moi abundante (media anual de 2.258 mm), parte en forma de neve. Bioclima: Oceánico semihiperoceánico (de 11 a 14 ºC de amplitude térmica) e euoceánico (14 – 17ºC) nas partes máis baixas preto do encoro. |
Rexión xeobotánica Rexión Eurosiberiana Provincia Atlántica Europea, subprovincia Orocantábrica Sector Galaico-Duriense, subsector Queixense (6a) |
Medidas de protección |