Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, 2002
O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra sitúase no extremo noleste da provincia de Ourense no concello de Rubiá, lindante co Bierzo leonés e atravesado no extremo suleste polo río Sil á entrada de Galicia.
Sobre un substrato maioritariamente calcario e protexidos por impresionantes farallóns de ata 200 m ( Estreito de Covas, Pena Falcoeira, Penedos de Oulego), desenvólvense extensos enciñais entre os soutos e as veigas cultivadas das vilas. Nestas calcarias atópanse restos fósiles paleozoicos que nos lembran o antigo pasado mariño da zona. Non obstante na actualidade a permeabilidade do substrato limita os cursos de auga no espazo existindo so permanentemente o río Galir e o río Sil. Asemade, a natureza carbonatada do substrato permite o desenvolvemento de covas (“palas”) no mellor exemplo de morfoloxía cárstica de Galicia. Por outra banda, a parte inferior das vertentes da serra está constituída por lousas e cuarcitas que condicionan a aparición doutro tipo de vexetación.
O substrato calcario cos seus farallóns case verticais, xunto coas condicións climáticas secas e a posición bioxeográfica da Serra determinan a súa enorme riqueza e singularidade biolóxica, con gran cantidade de comunidades vexetais raras ou restrinxidas a esta área.
O parque natural de Enciña da Lastra posúe a mellor representación de vexetación mediterránea de Galicia entre a que se contan enciñais, espiñeirais, salgueirais, tomiñeiras, vexetación de paredóns calcarios e diversos tipos de pasteiros. A riqueza florística é elevadísima, con máis de 450 taxons de flora vascular dos que polo menos 40 son endémicos da península Ibérica e seis de Galicia. Como mínimo, considérase que 26 destes taxons son raros ou encóntranse ameazados en Galicia.
Na vexetación de ribeira son interesantes os salgueirais, que posúen aquí gran diversidade, a pesar de se atoparen limitados pola influencia do encoro de Penarrubia. Aparecen moitas especies de salgueiros acompañados por lodeiros (Celtis australis), freixos e ameneiros. Non obstante, o bosque dominante é o enciñar de carácter calcícola. Ocupa máis dunha terceira parte do espazo natural e son os máis extensos de Galicia. Xunto coa aciñeira aparecen érbedos e matos mediterráneos coma o piorno espiñento Genista hystrix, a lentella ou o escornacabras, e, dependendo da altura, da profundidade dos solos e da orientación tamén aparecen abeleiras e cancereixos. Nos substratos xistosos atópanse sobreiras mesturadas coas aciñeiras.
Pola súa parte, os vellos soutos de castiñeiros contan cunha notable extensión e están ben implantados nos arredores de aldeas, como en Oulego, Covas ou Biobra, conservando exemplares centenarios.
Moi importantes son as comunidades ligadas a rochedos calcarios, en particular as propias de paredóns verticais nas que a cantidade de endemismos é moi alta, aquí atopamos a herba de namorar Armeria rothmaleri, que se atopa en estado vulnerable, ou a Petrocoptis grandiflora. Tamén relacionados coas calcáreas están as tomiñeiras de Thymus zygis , únicas en Galicia e os prados calcícolas dos farallóns de Oulego, con abundantes especies endémicas.
Entre os matos destacan:
Superficie: 3.151,67 Ha Altitude: 380 m nas beiras do Sil ata os 1.089 m en Pena Tara nos Penedos de Oulego, manténdose por enriba dos 800 m s.n.m. ao longo de toda a zona montañosa. Tª medias: 12,9 ºC Precipitación: 594 mm. Moita seca estival. Presenta o clima máis seco de Galicia, de tipo mediterráneo tépedo. Bioclima: maioritariamente Oceánico euoceánico , cunha amplitude térmica de entre 14 a 17 ºC pero no extremo NW chega a ser oceánico semihiperoceánico cunha amplitude térmica de 11 a 14ºC. |
Rexión xeobotánica Rexión Eurosiberiana Provincia Atlántica Europea, subprovincia Cantabroatlántica Sector Berciano-Valdeorrés, subsector Sanabrés (4b) |
Medidas de protección |