Os prados galegos son unha das formacións máis habituais da paisaxe galega. Se exceptuamos os prados naturais de alta montaña que son a vexetación climax desa zona por non podérense desenvolver matos ou árbores, o resto dos prados son ambientes creados polo ser humano para o seu aproveitamento pola gandería. Esta práctica vén de antigo, o que fai que se poidan distinguir tantos tipos de prado coma condicións climáticas, de solo ou de relevo existan na rexión. En xeral as plantas que se desenvolven son gramíneas (herbas), trevos, algunha xuncácea e ciparácea e outras especies de plantas vasculares.
En solos ben desenvolvidos e con suficiente humidade desenvólvense prados de sega, nos que ao longo do ano poden existir de 3 a 4 cortas. Estes prados proveñen da tala de bosques húmidos, coma faiais, certas carballeiras, bidueirais ou bosques de ribeira.
Os prados de dente son outro tipo de prado que depende tamén do clima e tipo de solo. Son prados que proveñen da transformación de bosques de folla caduca non excesivamente húmidos, como poden ser a maioría das carballeiras, ou os matos que ocupan esas áreas. Nestes casos a sombra das árbores permite o desenvolvemento dunha vexetación herbácea no solo, suficiente para o pastoreo extensivo de gando vacún e cabalar en liberdade. Estes prados son frecuentes en todas as altitudes medias das montañas costeiras e do interior.
No macizo de Pena Trevinca e a serra do Eixe hai certos prados típicos de clima mediterráneo. Estes prados pasan por un período de seca que non permite herbas verdes todo o ano. A consecuencia é que aquí o gando que pasta é bovino ou caprino, máis resistente a escaseza de recursos.
Hábitats prado: Que é? | Vexetación