Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Calluna

MÁIS INFORMACIÓN
Os ramallos da queiruga tiveron antano moita importancia. A partir deles elaborábase carbón vexetal utilizado nas ferrerías de Galicia, aínda que o máis cobizado era o da uz branca. Tamén empregábanse para facer vasoiras, coma noutras partes de Europa. Por outra banda a súa cortiza era estimada na industria da curtiduría.

En canto as flores adornan a paisaxe coa súa suave cor malva, sérvenlles as abellas para elaborar a coñecida “mel de queiruga”, e teñen utilidade en Medicina. A parte empregada son as ramiñas con flores, que teñen unha acción astrinxente e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.

ORIXE DO NOME
O nome de queiruga ten dous significados básicos, por un lado é unha denominación xenérica das especies do xénero Erica e por outra banda identifica á Calluna vulgaris. A súa orixe parece derivar da forma latina CARIOCA, aínda que hai estudosos que pensan que pode derivar dunha raíz prerromana *KAR -  que significa “rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura” , de xeito equivalente á orixe da palabra carrasco/a, e carpaza/o.

Outros nomes
QUEIROGA, QUEIROA, CARRASCO, QUEIROGA CARRASCO, QUEIROGA DA CRUZ

DESCRICIÓN
A queiruga é un mato leñoso moi ramalludo desde 15cm  ata 1m de altura, pelado ou con peluxes, de ramiñas avermelladas e de pequenas follas moi imbricadas dispostas sentadas sobre as ramiñas.

Queiruga (Calluna vulgaris)

HÁBITAT
É un dos matos máis frecuentes de Galicia. Grazas aos seus amplos marxes de tolerancia aparece por todo o territorio, desde o nivel do mar ata as máis altas montañas. Forma parte dos matos con toxos e uces e dos matos de substitución dos bosques que foron queimados ou talados. Desenvólvese sobre solos acedos (silíceos) pobres, de espesor xeralmente menor de 50cm e humidade variable.  A menudo forman extensas manchas sobre solos empobrecidos.

FOLLAS
As follas da queiruga son perennes, de cor verde, sentadas sobre as ramiñas en verticilos de 4, moi imbricadas e próximas unhas a outras, formando catro filas en forma de cruz. Cada folla é lineal e moi pequena, con marxes lisos, coma se foran pequenas escamiñas.

FLORES
As flores son rosadas con 4 pequenos pétalos soldados (2mm) que quedan no interior de 4 sépalos que parecen pétalos de cor rosado. Disponse en acios flouxos nas axilas das ramiñas superiores.

FROITO
O froito é unha cápsula redondeada con peluxes que contén numerosas sementes. Ábrese en 4 valvas. As sementes son ovais, de cor rubia.

FLORACIÓN: finais de primavera -  verán – outono.

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos