MÁIS INFORMACIÓN
Este mato, aparte do seu valor ornamental, pois xa era cultivada nos xardíns medievais e hispano–árabes, ten valor en perfumaría e Medicina.
A resina obtida fervendo as follas e pólas en auga é o ládano, tamén chamado droga de Xava, maná de España ou mangla, que se empregaba adoito para reumatismos, hernias e neuralxias. Hoxe en día está en desuso coma medicinal pero utilízase en perfumaría coma fixador de esencias, para xabóns, cremas desodorantes e outros produtos. Outra utilidade é a de facer caramelos, doces ou goma de mascar.
Asemade das follas e do zume da esteba obténse un aceite esencial apreciado en perfumaría.
ORIXE DO NOME
A palabra esteba procedería dunha variante do nome hispano-latino STĬPPA, de orixe incerta, esa variante sería STĬPA.
OUTROS NOMES
XARA, CHAGAZO, CARPAZA, CARPAZA DO LÁDANO.
DESCRICIÓN
A esteba é un mato erecto, ramalludo, moi recendente e pegañento de entre 1 a 3 m.
HÁBITAT
A esteba é un endemismo ibérico occidental. En Galicia aparece no val do Sil e os seus afluentes Bibei, Casaio, Xares.... Medra sobre rochas silíceas, coma as lousas, cuarcitas e areíscas, en solos pobres de pouco espesor, con preferencia nas solainas, por baixo dos 700m en zonas de poucas precipitacións e gran amplitude térmica. Forma os matos chamados estebais. A sua área coincide aproximadamente coa da aciñeira, ocupando o espazo que deixa esta nos lugares non calcáreos cando os bosques desaparecen por tallas ou queimas.
FOLLAS
As follas, perennes, son verdes, sentadas e opostas, soldadas na base, grandes de 4 a 10cm, en forma de ferro de lanza, moi apegañosas e co envés cuberto de lanuxe. As follas son pegañentas polo ládano que expulsan, que lles axuda a soportar o sol estival.
FLORES
As flores son moi grandes, de 6 a 8cm, con cinco pétalos brancos, normalmente cunha mancha moura na base de cada un. Dispóñense solitarias sobre pedúnculos curtos.
FROITO
O froito é unha cápsula case globosa cuberta con moita lanuxe que se abre en 10 valvas. As sementes son case lisas e moi numerosas.
FLORACIÓN: abril – xuño.