Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Cytisus

MÁIS INFORMACIÓN
En Galicia aproveitáronse desde antigo os piornos e as xestas. O uso tradicional dos ramallos do piorno branco era a queima para os fornos de pan ou a súa utilización para facer abono (a pesares de que era máis utilizado o toxo). Utilizábanse leguminosas porque estas plantas aportan nitróxeno ao solo e así os labregos melloraban a terra de labor nos períodos de repouso. Para iso queimaban ou cortaban os matos e degradábanos na corte, coa axuda das bacterias dos excrementos dos animais. Noutras ocasións enterraban os ramallos en verde.

O estrume conseguido nas cortes era utilizado como abono para facer crecer os piornos ou as xestas ata uns 3 m, despois os aclaraban e formábase unha paisaxe de mato e pasto no que pacía e se protexía o gando. Desgraciadamente a transformación de extensas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira e o uso de fertilizantes inorgánicos están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo sostible co medio ambiente.  Este uso era particularmente abundante nas montañas orientais, onde se utilizaba o piorno branco.

Na actualidade o piorno branco aínda conserva o seu uso coma ornamental nos xardíns pola súa exuberante floración.

ORIXE DO NOME
A palabra piorno é un substativo que se utiliza para distintos xéneros de Genista . O nome probablemente proveña do latín VĪBŬRNUM, co significado de “planta semellante ao vimbio”. Podería ser que *viorno se cambiara a piorno por influxo doutra palabra.

O nome de codeso aplícase a distintas especies do xénero Cytisus. Orixinaríase a partir dunha forma do latín vulgar, *CŬTĬSUS, en lugar do clásico CYTĬSUS, procedente éste do grego χυτισοξ . Segundo algúns ese nome derivaría da illa das Cícladas Kytnos.

A denominación de xesta procede do latín vulgar GENĔSTA, que deriva do nome latino clásico da planta GENISTA.

OUTROS NOMES
CODESO BRANCO, XESTA BRANCA

DESCRICIÓN
A xesta branca é un mato de ata 2 m, de pólas estriadas e flexibles de cor verde esbrancuxada. As ramiñas novas posúen peluxes.

Xesta branca (Cytisus multiflorus)

HÁBITAT
En Galicia é frecuente na Galicia interior e montana, nos piornais altos, en solos non calcareos. Vive case sempre nos pisos da aciñeira ou do cerquiño.

FOLLAS
As follas son caedizas, verdes e de dous tipos. As inferiores son compostas trifoliadas case sentadas, de apenas 1cm. As superiores son simples, alongadas, lanceoladas e sedosas  no face.

FLORES
As flores, en forma de bolboreta, son brancas, de 9 a 12 mm, con pétalos case iguais e estandarte desprovisto de pelos ao dorso. Aparecen en gran número ao longo das pólas, solitarias ou en grupos de dous ou tres, sempre nacendo das axilas das follas e formando en conxunto longas inflorescencias.

FROITO
O froito da xesta branca é  un legume de 1 a 3cm, recuberto de pelos curtos e moi aplastado.

FLORACIÓN: maio – xullo.

Xesta branca (Cytisus multiflorus)

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos