MÁIS INFORMACIÓN
En Galicia aproveitáronse desde antigo os piornos e as xestas. O uso tradicional dos ramallos da xesta era a fabricación de vasoiras, a queima para os fornos de pan ou a súa utilización para facer abono (a pesares de que era máis utilizado o toxo). Utilizábanse leguminosas porque estas plantas aportan nitróxeno ao solo e así os labregos melloraban a terra de labor nos períodos de repouso. Para iso queimaban ou cortaban os matos e degradábanos na corte, coa axuda das bacterias dos excrementos dos animais. Noutras ocasións enterraban os ramallos en verde.
O estrume conseguido nas cortes era utilizado como abono para facer crecer os piornos ou as xestas ata uns 3 m, despois os aclaraban e formábase unha paisaxe de mato e pasto no que pacía e se protexía o gando. Desgraciadamente a transformación de extensas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira e o uso de fertilizantes inorgánicos están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo sostible co medio ambiente. Este uso era particularmente abundante nas montañas orientais, onde se utilizaba o piorno branco.
Actualmente as pólas da xesta empréganse para a extracción de esparteína, un alcaloide que impide a chegada de estímulos non desexados ao cerebro e que axuda ao parto ao estimular as paredes do útero.
As flores son aperitivas e utilízanse en infusión coma diuréticas polos seus flavonoides.
ORIXE DO NOME
A denominación de xesta procede do latín vulgar GENĔSTA, que deriva do nome latino clásico da planta GENISTA.
OUTROS NOMES
Xesta Moura
DESCRICIÓN
A xesta é un mato erecto moi ramalludo, de ata 5m con pólas erguidas, flexibles, inclinadas ou tumbadas, de cor verde e leñosas na súa parte inferior, pero as ramiñas do ano son hérbáceas e con moi poucas follas. As póliñas teñen sección aproximadamente pentagonal, con cinco costelas moi marcadas.
HÁBITAT
A xesta distribúese abundantemente por toda a Comunidade. Como é unha planta amante da luz, forma ela sola xesteiras, aínda que pode atoparse en matos mixtos, con toxos, silvas, uces, piornos, matos espiñentos , etc e aparece tamén no sotobosque de carballeiras, reboleiras, piñeirais e outros bosques. Ademáis forma parte das etapas de degradación das carballeiras, bidueirais, reboleiras, enciñais e bidueirais galegos. Sempre aparece sobre solos acedos, de grosor medio ou profundo, cun contido baixo en nutrientes; tamén pode aparecer sobre solos derivados de rochas meta ou ultrabásicas ou derivados de rochas calcáreas nos que se lavaran as bases. Esténdese desde o nivel do mar ata os 1500m de altitude, e aguanta diversos tipos de precipitacións. Nas zonas altas aparece mesturada cos piornos.
FOLLAS
As follas son caducas, verdes e con algo de peluxe. Son de dous tipos. As inferiores son pecioladas, caedizas e compostas por tres folíolos, as superiores e as das ramas estériles son sentadas e simples; todas posúen marxe enteiro.
FLORES
Flores amarelas hermafroditas, con cinco pétalos duns 1,5 -2 cm que forman flores en forma de bolboreta dispostas nas axilas das follas, solitarias ou en parellas, en acios terminais foliosos e laxos. Os pedúnculos dobran en lonxitude á corola.
FROITO
O froito é un legume aplanado duns 2 a 4 cm, de cor negra, con peluxes pardos ou brancos na sutura. As sementes son pardo-escuras relucintes e cunha protuberancia lateral.
FLORACIÓN: abril a xullo, segundo as zonas.
NOTA: é semellante a Cytisus striatus, abundante en Pontevedra e Ourense, pero esta última ten numerosas estrías nas pólas e os seus legumes sempre están cubertos de pelos brancos. Tamén é parecida a Cysitus ingramii, que se atopa no norte de Galicia, pero ésta última ten flores en dous tonos de amarelo que a diferencian da xesta habitual.