MÁIS INFORMACIÓN
Os ramallos da uz tiveron antano moita importancia. A partir deles elaborábase un carbón vexetal excelente necesario para as ferrerías de Galicia, aínda que podía ser doutras ericáceas. Especialmente estaba espallado este uso nas áreas que coma consecuencia desta mesma actividade empezaron a escasear as árbores. Tamén empregábanse para facer vasoiras, coma noutras partes de Europa. Asemade sábese que os seus ramallos, igual que os da uz moura, dificultan ou paralizan o crecemento doutras plantas, o que lles permite competir con vantaxe sobre outras compañeiras de mato.
Por outra banda a súa cortiza era estimada na industria da curtiduría e a súa madeira compacta, moi dura, pesada e resistente a queima utilízanse para a elaboración de pequenos utensilios, do mesmo xeito cas raíces, aproveitadas para fabricar pipas que chegan a exportarse a Gran Bretaña.
En canto as flores, enriquecen a paisaxe coa súa cor branca, son utilizadas polas abellas para elaborar un mel de calidade e teñen utilidade en Medicina. A parte empregada son as ramiñas con flores, que teñen acción antidiarreica e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.
ORIXE DO NOME
As palabras uz, urce dan nome en galego a distintas especies do xénero Erica. Proceden do latín ŪLĬCE.
OUTROS NOMES
Urce branca, Urrigata
DESCRICIÓN
A uz branca é un mato moi ramalludo de entre 1 a 4 metros, aínda que chega a acadar os 7 m. As ramiñas son esbrancuxadas debido a que están cubertas de peluxe e as folliñas péganse ás pólas.
HÁBITAT
En Galicia aparece por todo o país, pero sobre todo nas comarcas orientais, cerca dos regatos, en sombrizos pero tamén en fendas das rochas en zonas secas. En xeral desenvólvese sobre solos acedos (silíceos), frescos e húmidos. Aparece entre os 40 -500 m e os 1100m aproximadamente, en zonas de distinta pluviosidade. Pode chegar a uns 1800m colonizando solos incipientes sobre rochas. Coma o érbedo, forma unhas micorrizas peculiares nas súas raíces.
FOLLAS
As follas perennes son verdes e aparecen sentadas en verticilos de 3 a 4 nas pólas. Son moi estreitas, lineais, case aciculares, de 3 a 5 mm de longo, coa marxe revolta, de tal xeito que aparecen asucadas polo envés.
FLORES
As cativas flores pedunculadas de cor branca ou branca-rosada posúen 5 pétalos soldados que forman pequenas campás [2,5 – 4mm]. As flores aparecen en acios terminais formando ramiños de flores moi olorosos.
FROITO
O froito é unha cápsula que se abre en catro valvas para liberar numerosas sementes.
FLORACIÓN: febreiro –marzo nas baixas altitudes; finais de primavera nas altas montañas.