MÁIS INFORMACIÓN
Os ramallos das carrouchas tiveron antano moita importancia. A partir deles obtíñase un carbón vexetal moi utilizado nas ferrerías galegas, aínda que o mellor era o da uz branca.
Os restos de ramallos da carroucha e outras plantas desta familia forman o mantiño, unha terra moi empregada en xardinería para as plantas que non toleran o cal.
En canto as flores serven ás abellas para elaborar o coñecido “mel de carroucha” , enriquecen a paisaxe coa súa cor púrpura e teñen utilidade en Medicina. A parte empregada son as ramiñas con flores, que teñen acción astrinxente e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.
De un tempo a esta parte a redución dos toxais – carroucheiras esta a ser moi importante, principalmente debido ás plantacións forestais, a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da maioría da gandería rústica extensiva, a creación de infraestruturas para os coches, a instalacións de enerxía eólica, a minería do subsolo e ao descoñecemento xeral do seu verdadeiro valor ecolóxico. A desaparición dos toxais - carroucheiras incide moi negativamente na recuperación da vexetación e do solo.
ORIXE DO NOME
A orixe do nome de carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín CAREX, -ĬCIS, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras carba, carballo ou carpaza, cuxa orixe probable é unha raíz prerromana preindoeuropea *CAR ou *K-R, que significa “rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura”. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza, é que derive do latín CARPĔRE, que significa “rañar” e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra *CARAPACCIA, étimo que suxire para o castelán calabaza.
OUTROS NOMES
Carpaza, queiruga.
DESCRICIÓN
Esta carroucha é un pequeno mato de ata 80cm de altura con moitas peluxes nas súas pólas, cuxas pólas novas teñen cor pardo - teixo.
HÁBITAT
A carroucha E. ciliaris aparece sobre solos acedos (silíceos) con certo grado de humidade entre o nivel do mar e os 800m.
FOLLAS
As follas son pequenas, de cor verde polo face e branca polo envés cunha liña verde, estreitas e lineais, que crecen en verticilos de 3 ou 4.
FLORES
As flores rosadas teñen os pétalos fusionados formando un tubiño e son algo curvadas. Dispóñense en acios coma espigas laterais.
FROITO
O froito é unha cápsula que se abre en valvas para que saian as sementes.
FLORACIÓN: maio – setembro.