MÁIS INFORMACIÓN
Os ramallos das carrouchas tiveron antano moita importancia. A partir deles obtíñase un carbón vexetal moi utilizado nas ferrerías galegas, aínda que o mellor era o da uz branca.
Os restos de ramallos da carroucha e outras plantas desta familia forman o mantiño, unha terra moi empregada en xardinería para as plantas que non toleran o cal.
En canto as flores serven ás abellas para elaborar o coñecido “mel de carroucha” , enriquecen a paisaxe coa súa cor púrpura e teñen utilidade en Medicina. A parte empregada son as ramiñas con flores, que teñen acción astrinxente e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.
De un tempo a esta parte a redución dos toxais – carroucheiras esta a ser moi importante, principalmente debido ás plantacións forestais, a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da maioría da gandería rústica extensiva, a creación de infraestruturas para os coches, a instalacións de enerxía eólica, a minería do subsolo e ao descoñecemento xeral do seu verdadeiro valor ecolóxico. A desaparición dos toxais - carroucheiras incide moi negativamente na recuperación da vexetación e do solo.
ORIXE DO NOME
A orixe do nome de carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín CAREX, -ĬCIS, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras carba, carballo ou carpaza, cuxa orixe probable é unha raíz prerromana preindoeuropea *CAR ou *K-R, que significa “rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura”. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza, é que derive do latín CARPĔRE, que significa “rañar” e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra *CARAPACCIA, étimo que suxire para o castelán calabaza.
OUTROS NOMES
Carpaza, queiruga.
DESCRICIÓN
Esta carroucha é un pequeno mato de 15 a 75cm, con ramiñas ríxidas pardas das que partes as folliñas sentadas en verticilos.
HÁBITAT
É unha planta frecuente en Galicia que se desenvólve sobre solos acedos (silíceos) de pouca a mediana profundidade, mesturada con outras carrouchas, toxos e uces. Atópase desde o nivel do mar ata os 100 – 1100 m en zonas con ombroclima de subhúmido a hiperhúmido.
FOLLAS
As follas son moi pequenas, de 4 a 7 mm; saen en verticilos de 3, con un pequeno grupiño de folliñas máis pequenas na súa axila.
FLORES
As flores son de cor púrpura-encarnada aínda que ás veces aparecen esbrancuxadas. Posúen 4 pétalos fusionados formando unha especie de campá.
FROITO
O froito é unha cápsula pelada.
FLORACIÓN: maio – setembro.