Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Carroucha

MÁIS INFORMACIÓN
Os ramallos das carrouchas tiveron antano moita importancia. A partir deles obtíñase un carbón vexetal moi utilizado nas  ferrerías galegas, aínda que o mellor era o da uz branca.

Os restos de ramallos da carroucha e outras plantas desta familia forman o mantiño, unha terra moi empregada en xardinería para as plantas que non toleran o cal.

En canto as flores serven ás abellas para elaborar o coñecido “mel de carroucha” , enriquecen a paisaxe coa súa cor púrpura e teñen utilidade en Medicina. A parte empregada son as ramiñas con flores, que teñen acción astrinxente e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.

De un tempo a esta parte a redución dos toxais – carroucheiras esta a ser moi importante, principalmente debido ás plantacións forestais, a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da maioría da gandería rústica extensiva, a creación de infraestruturas para os coches, a instalacións de enerxía eólica, a minería do subsolo e ao descoñecemento xeral do seu verdadeiro valor ecolóxico. A desaparición dos toxais  - carroucheiras incide moi negativamente na recuperación da vexetación e do solo.

ORIXE DO NOME
A orixe do nome de carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín CAREX, -ĬCIS, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras carba, carballo ou carpaza, cuxa orixe probable é unha raíz prerromana preindoeuropea *CAR ou *K-R, que significa “rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura”. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza,  é que derive do latín CARPĔRE, que significa “rañar” e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra *CARAPACCIA, étimo que suxire para o castelán calabaza.

OUTROS NOMES
Carpaza, queiruga.

NOTA
A Erica tetralix pódese confundir coa E. mackaiana, unha carroucha endémica que crece por riba dos 300 – 400m no norte de Galicia, entre as Serras Setentrionais e o mar Cantábrico, en prados húmidos, brañas e turbeiras. Diferénciase de E. tetralix porque pode acadar maior altura, ata os 80 cm, as follas teñen poucas peluxes, as anteras das flores son parda-escuras, e os sépalos non posúen lanuxe, igual que o froito.

DESCRICIÓN
Esta carroucha é un pequeno mato pouco ramalludo duns 50cm,  coas ramiñas cubertas de peluxes curtas e de glándulas.

Carroucha (Erica tetralix)

HÁBITAT
Aparece en brañas, prados húmidos de solos acedos (silíceos) e en turbeiras.

FOLLAS
As follas disponse en verticilos de 4, son estreitas e pequenas,de ata 5mm de lonxitude e de cor esbrancuxado polo envés. Están cubertas de pelos ríxidos.

FLORES
As flores son pequenas, duns 7mm, rosadas  e con lanuxe no ápice,  agrupadas en acios terminais moi xuntos de 5 a 12 flores, cos pedicelos máis curtos que as flores. As anteras son pardo claras e os sépalos posúen lanuxe.

FROITO
O froito é unha cápsula con lanuxe.

FLORACIÓN: verano e outono.

 

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos