Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Carroucha

MÁIS INFORMACIÓN
Os ramallos das carrouchas tiveron antano moita importancia. A partir deles obtíñase un carbón vexetal moi utilizado nas  ferrerías galegas, aínda que o mellor era o da uz branca.

Os restos de ramallos da carroucha e outras plantas desta familia forman o mantiño, unha terra moi empregada en xardinería para as plantas que non toleran o cal.

En canto as flores serven ás abellas para elaborar o coñecido “mel de carroucha” , enriquecen a paisaxe coa súa cor púrpura e teñen utilidade en Medicina. A parte empregada son as ramiñas con flores, que teñen acción astrinxente e antiséptica nas vías urinarias grazas a súa riqueza en taninos e flavonoides.

De un tempo a esta parte a redución dos toxais – carroucheiras esta a ser moi importante, principalmente debido ás plantacións forestais, a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da maioría da gandería rústica extensiva, a creación de infraestruturas para os coches, a instalacións de enerxía eólica, a minería do subsolo e ao descoñecemento xeral do seu verdadeiro valor ecolóxico. A desaparición dos toxais  - carroucheiras incide moi negativamente na recuperación da vexetación e do solo.

ORIXE DO NOME
A orixe do nome de carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín CAREX, -ĬCIS, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras carba, carballo ou carpaza, cuxa orixe probable é unha raíz prerromana preindoeuropea *CAR ou *K-R, que significa “rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura”. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza,  é que derive do latín CARPĔRE, que significa “rañar” e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra *CARAPACCIA, étimo que suxire para o castelán calabaza.

OUTROS NOMES
Carpaza, queiruga.

DESCRICIÓN
Esta carroucha é un mato de ata 1m, con ramiñas algo tortuosas.

Carroucha (Erica umbellata)

HÁBITAT
Críase en matos sobre solos acedos (silíceos) empobrecidos, a miúdo areosos e en clima algo húmido e suave. Representan a etapa de  degradación dos bosques clímax de Galicia  de zonas húmidas por baixo dos 1300.  Esta carroucha é un pouco máis termófila cas outras.

FOLLAS
As follas son curtas, de 3 a 4 mm, dispostas en verticilos de 3.

FLORES
As flores deste mato permítenos recoñecela facilmente. Son flores rosadas – lila, formadas por pétalos fusionados en forma de pequenos globos piramidais que colgan en acios nas terminacións das ramiñas, en número de 3 a 6, polos que sobresaen os estames mouros.

FROITO
O froito é unha cápsula. As sementes son ovais e de cor moura ou  rubia.

FLORACIÓN: primavera – verán. 

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos