Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Piorno

MÁIS INFORMACIÓN
En Galicia aproveitáronse desde antigo os piornos e as xestas. O uso tradicional dos ramallos do piorno era a queima para os fornos de pan ou a súa utilización para facer abono (a pesares de que era máis utilizado o toxo). Utilizábanse leguminosas porque estas plantas aportan nitróxeno ao solo e así os labregos melloraban a terra de labor nos períodos de repouso. Para iso queimaban ou cortaban os matos e degradábanos na corte, coa axuda das bacterias dos excrementos dos animais. Noutras ocasións enterraban os ramallos en verde.

O estrume conseguido nas cortes era utilizado como abono para facer crecer os piornos ou as xestas ata uns 3 m, despois os aclaraban e formábase unha paisaxe de mato e pasto no que pacía e se protexía o gando. Desgraciadamente a transformación de extensas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira e o uso de fertilizantes inorgánicos están a perder definitivamente este tipo de sistema productivo sostible co medio ambiente.  Este uso era particularmente abundante nas montañas orientais, onde se utilizaba o piorno branco.

As pólas do piorno, despois dun tempo deixadas en auga podían usarse coma cordas para atar.

As flores usáronse coma tintóreas, para tinguir a lá e o lino de amarelo. Así e todo era máis empregada a Genista tinctorea.

ORIXE DO NOME
A palabra piorno é un substativo que se utiliza para distintos xéneros de Genista. O nome probablemente proveña do latín VĪBŬRNUM, co significado de “planta semellante ao vimbio”. Podería ser que *viorno se cambiara a piorno por influxo doutra palabra.

OUTROS NOMES
Xesta pudia

NOTA
Esta especie é parecida á Genista obtusiramea,  un mato que aparece por riba dos 1400m nas altas montañas do país. É un mato de ata 1m de altura, e gran número de nós marcando as follas caídas, cuxas flores amarelas teñen un estandarte con peluxes e froito con moita peluxe. Outro piorno sen espiñas é a Genista micrantha, un pequeno mato  de prados e queirogais de ata 40cm, sen follas na parte inferior e polas moi delgadiñas que lle dan aspecto de planta herbácea. As súas flores amarelas aparecen en acios terminais.

DESCRICIÓN
O piorno é un mato sen espiñas de ata 3 metros con pólas flexibles, verdes e estriadas e cubertas de peluxes, que se van caendo ao crecer.

Piorno (Genista florida)

HÁBITAT
Esta especie é propia do norte da Península Ibérica. En Galicia aparece no interior e na  montaña formando piornais sobre solos acedos e  profundos.  A menudo aparece en claros de carballeiras, bosques de cerquiños ou despois da  súa degradación por lumes, talas ou outras causas.

FOLLAS
As follas son enteiras, con peciolo curto, de 1 a 2,5cm, lanceoladas e case lineares, con peluxes prateados nas marxes, no face  e no envés.

FLORES
As flores  teñen forma de bolboreta amarela, de 1 a 1,5cm e dispóñense solitarias ou en acios de 2 a 5.  O estandarte non pusúe pelos, a diferenza doutras Genistas.

FROITO
O froito é un legume alongado sen peluxes de 1 – 2 cm con 2 ou máis sementes, con lanuxe cando novas e logo sen pelos.

FLORACIÓN: marzo – xullo, segundo a localidade.

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos