Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Piorno espiñento

MÁIS INFORMACIÓN
En Galicia aproveitáronse desde antigo os piornos e as xestas. O uso tradicional dos ramallos do piorno era a queima para os fornos de pan ou a súa utilización para facer abono (a pesares de que era máis utilizado o toxo). Utilizábanse leguminosas porque estas plantas aportan nitróxeno ao solo e así os labregos melloraban a terra de labor nos períodos de repouso. Para iso queimaban ou cortaban os matos e degradábanos na corte, coa axuda das bacterias dos excrementos dos animais. Noutras ocasións enterraban os ramallos en verde.

O estrume conseguido nas cortes era utilizado como abono para facer crecer os piornos ou as xestas ata uns 3 m, despois os aclaraban e formábase unha paisaxe de mato e pasto no que pacía e se protexía o gando. Desgraciadamente a transformación de extensas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira e o uso de fertilizantes inorgánicos están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo sostible co medio ambiente.  Este uso era particularmente abundante nas montañas orientais, onde se utilizaba o piorno branco.

ORIXE DO NOME
A palabra piorno é un substativo que se utiliza para distintos xéneros de Genista. O nome probablemente proveña do latín VĪBŬRNUM, co significado de “planta semellante ao vimbio”. Podería ser que *viorno se cambiara a piorno por influxo doutra palabra.

NOTA
Esta especie é parecida aos  outros piornos espiñentos coma Genista sanabrensis, un endemismo dos montes de Zamora, León e Pena Trevinca en Galicia, un  piorno espiñento de porte baixo de ata 30cm e é moi espiñenta. Nas gándaras, brañas e zonas turbosas aparecen outros dous piornos pinchudos, a Genista berberidea e a Genista triacanthos. A primeira é un endemismo galego e do norte de Portugal; é facilmente distinguible polas follas trifoliadas  alternas glaucas, con nervio medio moi marcado e rematado nun pincho e cos dous folíolos laterais están transformados en espiñas. A G. triacanthos posúe flores tirando a laranxa e moitas espiñas delgadiñas de 0,4 a 2cm. Na metade sur de Galicia aparece a Genista anglica, un piorno pinchudo nas súas pólas vellas pero sen espiñas nas máis novas , que posúe inflorescencias en acios curtos terminais de 5 a 15 flores sen peluxes, igual que os seu legumes.

DESCRICIÓN
Mato de 1 a 2 m, con aspecto de xesta pero as pólas fanse ríxidas e de ápices espiñentos.

HÁBITAT
Aparece nas zonas máis mediterránea de Galicia, fundamentalmente en Valdeorras e vales baixos tributarios do Sil, sobre solos  sen cal.  Asóciase a matos secas de solos acedos e estebais.

FOLLAS
As follas son caducas e enteiras, con engrosamentos redondeados e  con estípulas.

FLORES
As flores son amarelas, en forma de bolboreta e de pouco máis de 1 cm. Aparecen en pequenos acios e o seu estandarte non presenta pelos no dorso ou son moi escasos.

FROITO
O froito é un legume cativo e estreito con peluxe moi curta.

FLORACIÓN: maio – xuño.

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos