MÁIS INFORMACIÓN
O cimbro de Galicia pertence á familia do cimbro común, aínda que unha parte dos científicos pensan que é unha variedade desta especie. As utilidades do cimbro común son moitas.
A súa madeira emprégase coma combustible para afumar o xamón e o “bacon”. Pero dado que a madeira é case imposible que podreza e repele os carunchos utilizábase a cotío para revestir os interiores dos armarios e baúis. A máis a destilación da madeira seca de cimbro común produce unha brea que se utiliza coma antiséptico, coma incenso e que pulverizada constitúe a graxa ou graxiña, denominada tamén verniz de escribir, co que antigamente fretábase o papel para evitar que se correra a tinta.
As bagas recollidas no outono conteñen un aceite esencial rico nun principio amargo, a xuniperina, que se usa en infusión coma diurético, favorece a expulsión de gases e, externamente pode empregarse diluído en alcol en forma de baños ou friccións para aliviar as dores reumáticas, neuralxias e micose. Asemade en Cosmética utilízase en baños relaxantes ou en aceites de baño e xabóns. O aceite de cimbro común foi utilizado, xunto con outros ingredientes, polos curandeiros moriscos para curar aos que tiñan o demo.
Estas mesmas bagas utilízanse para a fabricación do augardente xenebra, mediante a destilación do alcol a través dun leito cos froitos. O tipo de alcol varía segundo o país de orixe da xenebra.
As sementes queimábanse en tempos de peste para purificar o aire e maceradas en vinagre servían para limpar as roupas e obxectos das xentes contaminadas.
ORIXE DO NOME
Non se coñece ben a orixe da palabra cimbro, que tamén signinfica “cume”. Podería vir do latín CYMA, co mesmo significado de “cume”, que derivaría a súa vez do nome grego κυμα (kyma) que significa “inchado”. A súa vez esta palabra parece ter orixe indoeuropea a partir da partícula *kum – ou *keu.
O nome de xenebro vén do seu nome latino JUNIPERUS, que se cre derivado do celta jenepurs, que significa “rudo, áspero”, aludindo probablemente ás súas follas punzantes.
OUTROS NOMES
Xenebro, xenebreiro.
DESCRICIÓN
O cimbro é un mato rastreiro de ata 50cm , moi ramalludo, coas ramiñas angulosas, resinosas e sempre verde, que aparece sempre nas montañas por riba do nivel das árbores.
HÁBITAT
En Galicia atopámolo soamente nos altos cumes de Ancares, Courel e Pena Trevinca, a partir dos 1600m de altitude. É unha planta de bioclima subalpino-atlántico con influencia mediterránea, onde representa a comunidade clímax sobre rochas acedas (silíceas) , en solos de montaña, de escaso espesor, tanto nas abas como nas cimas, e tamén sobre fendas de rochas e recheos en zonas de húmidas a hiperhúmidas.
FOLLAS
As follas son perennes, pequenas e de cor verde escura, de menos de 1cm, sentadas desde as pólas e agrupadas de tres en tres alternadamente, con forma de acículas ríxidas, planas polo face e cunha ancha banda branca no envés, curvadas cara o ápice e rematadas nunha punta curta e espiñenta.
FLORES
É unha mato que ten pés masculinos e femininos. As flores aparecen nas axilas das follas. As masculinas son conos globosos amarelados e con escamas, as femininas son case globosas , de cor verde azuladas.
FROITO
Como calquera conífera os cimbros non teñen froitos, pero aparecen uns falsos froitos que chamamos gálbulos, que son carnosos, globosos, de 6 a 10 mm de diámetro, de cor azul-moura, cubertos dunha cera esbrancuxada-fariñenta que gardan tres sementes alongadas chamadas arcéstidas.
FLORACIÓN: primavera.