MÁIS INFORMACIÓN
As follas e froitos da lentella foron empregadas en Medicina popular coma astrinxentes e refrixerantes, así coma para curar as úlceras e inflamacións da boca.
A súa madeira é boa para queimar, pois produce unha lapa activa, empregándose noutros tempos nas oleirías. Tamén produce un carbón vexetal excelente. En carpintería non é moi apreciada pola súa tendencia a crebar.
Utilizouse en xardinería porque aguanta ben a poda e con ela pódense formar sebes e topiarias.
ORIXE DO NOME
O nome de lentella provén do latín LENTĬCŬLA, diminutivo de lente, en referencia á forma dos seus froitos.
NOTA
P. latifolia é moi parecida á anterior da que se distingue polas follas máis anchas, de contorno elípitico e marxe lixeiramente serrado. En Galicia é moi escasa.
DESCRICIÓN
A lentella é un mato de ata 2 ou 3 m con pólas longas e flexibles, de cortiza lisa e agrisada, verde todo o ano.
HÁBITAT
É unha típico mato de distribución mediterránea occidental, sobre todo na metade meridional da Península Ibérica. En Galicia só aparece por Valdeorras e o val do Sil-Miño ata O Ribeiro mesturada cos erbedais e matos desenvolvidos en ambientes de aciñeiras. É unha planta termófila que require un clima suave , sen fortes xeadas, polo que non soe ascender moito polas montañas.
FOLLAS
As follas son perennes, verdes, opostas, de 3 a 8cm, en forma de ferro de lanza e marxe enteira e ás veces lixeiramente serrado.
FLORES
As flores son cativas, branca –verdellas , e aparecen en curtos ramiños nas axilas das follas. Posúen 4 pétalos soldados na base formando un tubiño curto e aberto e estrelados no ápice.
FROITO
Os froitos son drupas globosas rematadas nun pico, carnosas, de menos de 2cm e mouras ao madurar cun ou dous ósos no seu interior que son as sementes.
FLORACIÓN: primavera.