Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Escornacabras

MÁIS INFORMACIÓN
Os bugallos do escornacabras, ricos en taninos, mercábanse co nome de “Bugalllos de Pistacia” ou “algarrobas de Xudea” e utilizábanse para curtir ou para a extracción dunha tintura amarela que servía para tinguir as sedas. Estes bugallos aparecían coma consecuencia da picadura dun insecto.

Os follas e froitos son comestibles, as primeiras cocíñanse coma verdura e os segundos teñen un forte sabor amargo.

Por incisións na cortiza obtense a resina chamada terebinto, que ten moitas aplicacións. Os romanos vendíana como trementina de Chipre (ou trementina de Kios). É  unha oleorresina que ten propiedades antisépticas pero sobre todo ten aplicación na industria de vernices e para a obtención de compostos orgánicos. Das catro trementinas coñecidas na antigüidade, a común (de piñeiro), a de Venecia(de Larix), a de abeto e a de Chipre (de escornacabras), esta última era a máis apreciada e nomea a todas as demais.

A madeira chégase a empregar en traballos de ebanistería, marquetería e escultura, xa que é dura, pesada, compacta e pule ben. A madeira das súas raíces empregouse tradicionalmente para fabricar caixas de tabaco.

Dada a gran cantidade de taninos das follas, cortiza e sobre todo dos bugallos o escornacabras ten propiedades astrinxentes. Por iso úsase en infusión, cocción ou po como antidiarreico e, externamente para feridas.

ORIXE DO NOME
A orixe do nome escornacabras vén do parecido dos bugallos do mato cos cornos das cabras.

OUTROS NOMES
Aroieira, almacegueiro.

DESCRICIÓN
O escornacabras é un mato ou pequena árbore moi olorosa e ramalluda , de ata 5 m, con moitas pólas  agrisadas que lle dan un aspecto moi ramalludo. É inconfundible polos bugallos violáceos, en forma de corno retorto, que lle saen nos bicos das pólas novas ao entrar no verán pola picadura do insecto Pemphigus corniculatus ou o Tetraneuza.

Escornacabras (Pistacia terebinthus)

HÁBITAT
É unha especie escasa en Galicia, pois é típica da rexión Mediterránea. Preséntase nas localidades de acentuada mediterraneidade, no sueste de Lugo e no norte e leste de Ourense. Prefire solos calcareo aínda que pode vivir sobre solos acedos (silíceos) e aparece con frecuencia nos matos de substitución  de bosques esclerófilos como os enciñais e incluso pendurando das paredes rochosas. Distribúese ata os 1500 m de altitude.

FOLLAS
As follas do escornacabras son caducas, de cor máis pálida polo envés que polo face, case sentadas, alternas e compostas, con 3 a 11 folíolos en forma de ferro de lanza e marxes enteiros. Antes de caer vóltanse vermellas.

FLORES
Este mato ten pés masculinos e femininos. As flores unisexuais son pequenas e vermellas –púrpuras sen pétalos dispostan en acios compostos. As masculinas teñen un cáliz de 5 sépalos mentres que as femininas teñen un cáliz de 3 a 4 sépalos. Aparecen antes cas follas.

FROITO
Os froitos son drupas pequenas, de menos de 1cm, ovoide e de dous cores diferentes, de cor vermella-parda se son estériles e de cor verde – azulada se os froitos son fértiles. A semente ten o sabor doce do pistacho.

FLORACIÓN: abril –maio.

FROITO MADURO: a partir de xullo.

Escornacabras (Pistacia terebinthus)

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos