MÁIS INFORMACIÓN
O xarope ou cocemento da carqueixa utilizouse popularmente coma depurativo, para purificar o sangue e coma diurético contra a gota.
O ramallo seco deste mato parece ser que é excelente para acender os fornos pero tamén para limpar os barcos e as cuncas de comer e beber e de aí viríalle o nome de lavacuncas.
As súas flores empregáronse en Portugal para a tose e coma emolientes para combater os catarros e a bronquite.
ORIXE DO NOME
A orixe da palabra carqueixa non é claro. Podería derivar do latín CAREX, -ĬCIS, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo.
OUTROS NOMES
Lavacuncas.
DESCRICIÓN
A carqueixa é un mato pouco elevado e ramalludo de 1 a 1,5m , cos canles das ramillas alados e rasposos que se interrompen nos nós desenvolvendo tres dentes espiñentos. Existen dúas subespecies en Galicia que se diferencian pola lanuxe das flores.
HÁBITAT
E unha especie que se atopa en abundancia no interior de Galicia pero tamén chega á costa. Asóciase coas uceiras. Aparece en solos acedos (silíceos), formando parte dos estebais, uceiras e matos entre os 400 m ata cerca dos 2000m, cunha grande amplitude ecolóxica.
FOLLAS
Non ten follas. O talo e as ás desempeñan a función das follas.
FLORES
Flores amarelo-laranxas en forma de bolboreta, en grupiños apertados laterais de 3 a 10.
FROITO
O froito é un legume alongado con lanuxe de 1 a 1,5cm, con varias sementes no seu interior.
FLORACIÓN: abril – maio segundo a localidade e altitude.