MÁIS INFORMACIÓN
A utilización do toxo no agro galego vén de lonxe. Xa desde o século XVIII ata principios do século XX a porcentaxe de matos no monte galego chegaba ao 75% e moitos deles eran cultivados pola súa utilidade, coma o toxo.
Os usos tradicionais dos ramallos do toxo eran a forraxe dos cabalos, a súa queima para os fornos de pan ou a súa utilización para facer abono tras ter servido de cama nas cortes. Como todas as leguminosas estes matos aportan nitróxeno ao solo e así os labregos melloraban a terra de labor nos períodos de repouso. Para iso cultivaban o toxo mediante “estivadas”: ao final do verán queimaban as matas secas e extendían as cinzas para fertilizar e sembrar o cereal, xeralmente centeo. Unha vez recollida a colleita deixaban crecer o toxal, do que aproveitaban case todo, coma se dixo antes.
Desgraciadamente a transformación de amplas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira, o uso de fertilizantes inorgánicos, a desaparación da gandería rústica extensiva da maioría dos toxais, as infraestruturas para coches e instalacións de enerxía eólica, a minería no subsolo e o descoñecemento actual da importancia destes matos están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo máis sostible co medio ambiente que as actuais plantacións forestais.
As flores do toxo (as chorimas) poden empregarse en infusión contra as enfermidades do fígado. O contido en citisina do mato faino desaconsellable para o seu uso en Medicina, pois ten acción tóxica sobre os ganglios aos que primeiro excita e logo paraliza.
ORIXE DO NOME
A orixe da palabra toxo supónselle unha orixe prerromana a partir de *TOJU.
NOTA: En Galicia son frecuentes outros toxos, como:
. o toxo femia Ulex gallii, máis espiñento (aínda que as espiñas son un pouco máis pequenas, ata 3cm) e baixo que o anterior e probablemente o máis frecuente de Galicia, xa que ten maiores límites de tolerancia que o toxo bravo, pois aparece desde os solos húmidos das brañas ata os solos máis secos e desde o nivel do mar ata os 1500m.
. Ulex minor, máis termófilo, e con máis peluxes que os anteriores, con espiñas un pouco máis pequenas (ata 2cm). Atopámolo en todo o territorio agás nas zonas máis mediterráneas.
. Ulex micranthus, tamén termófilo e bastante raro, sendo endemismo do sur de Galicia e norte de Portugal. É o máis pequeno dos toxos galegos, pois apenas acada os 80cm, as súas espiñas chegan a 1cm e posúe pólas recurvas.
DESCRICIÓN
O toxo é un mato moi espiñento e ramalludo que pode acadar os 2,5m. As súas pólas teñen cor verde – escuro, con estrías lonxitudianis moi marcadas.
HÁBITAT
En matos, uceiras, carrascais e claros de bosque sobre solos acedos (silíceos), frescos e de espesor variables (aínda que pode aparecer en solos calcáreos) e clima de influencia oceánica. Ten amplia tolerancia ecolóxica pero soporta mal os solos moi húmidos e os invernos rigurosos, polo que non supera os 1100m de altura. É un dos toxos máis frecuentes de Galicia que se atopa formando parte de toxeiras, piornais, uceiras e no sotobosque de piñeirais, eucaliptais ou carballeiras.
FOLLAS
O toxo non ten follas; o que aparece son acículas espiñentas, chamadas filodios, de sección triangular e nas axilas destes , xeralmente agrupadas nacen ramiñas ríxidas, fortes e terminadas en espiñas moi punzantes.
FLORES
As flores son amarelas, en forma de bolboreta, duns 1,2 a 2 cm, dispostas na axila dunha pequena acícula ou filodio. Os seus estandartes non soen presentar pelos no dorso.
FROITO
O froito é un legume duns 1 – 2 cm de longo, largamente aovado e con peluxe, con 4 a 15 sementes pardas.
FLORACIÓN: decembro a maio. En climas suaves pode ter flores case todo o ano.