Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Sección vexetais

Herbario de árbores, matos, plantas, fentos e briófitos.

  • Árbores
    • Árbores

  • Matos
    • Matos

  • Plantas
  • Fentos
  • Briófitos
Arandeira

MÁIS INFORMACIÓN
Os froitos da arandeira, os arandos, teñen  multitude de aplicacións. Na industria alimentaria úsanse para a fabricación de marmeladas, refrescos ou licores e tamén comercialízanse frescos. Na industria farmacéutica empréganse toneladas de froitos para a obtención de antocianósidos, unhas substancias que melloran a microcirculación ao actuar de modo parecido á vitamina P, polo que se utilizan en varios medicamentos para ese fin. Na industria cosmética, xunto coas follas, utilízanse coma astrinxentes para peles graxas dado o seu alto contido en taninos. A máis se están ben maduras as bagas, mesturadas con alumbre e bugallos proporcionan unha tintura azul. 

ORIXE DO NOME
A orixe do nome arandeira proviría do seu nome latino ARANDARIA, formado co nome do froito, arando máis o sufixo -ARIA, que significa “lugar de”. A súa vez a palabra ARANDO ten unha orixe incerta, moi probablemente prerromana.

OUTROS NOMES
Herba dos arandos, arando.

NOTA: En Galicia aparece outra arandeira nas alturas,xunto coas cimbreiras, a Vaccinium uliginosum subsp microphyllum, difícil de diferenciar desta outra arandeira.

DESCRICIÓN
A arandeira é un mato leñoso de entre 30 a 80 cm de altura, con ramiñas delgadas e  algo aladas  de cor verde.

Arandeira (Vaccinium myrtillus)

HÁBITAT
A arandeira aparece en Galicia por riba dos 700m nas provincias de Lugo e Ourense e en altidudes un pouco menores nas outras provincias nos sotobosques de formacións caducifolias coma carballeiras, bidueirais ou faiais, nos matos das beiras dos ríos das zonas montañosas e nos das abas das serras orientais. Aparece sempre sobre solos derivados de rochas acedas (silíceas), profundos, frescos e ricos en materia orgánica, nos ambientes húmidos e hiperhúmidos.

FOLLAS
As follas son  caducas e de cor verde clara resplandecente, case sentadas sobre as ramiñas, ovais, alternas e coa marxe lixeiramente dentada.

FLORES
As flores son péndulas, de cor branca - verdella ou rosada, con cinco pétalos fusionados  que forman pequenas “campás” rematadas en 5 pequenos lóbulos. Dispóñense  nas axilas das follas en acios de 1 ou 2 flores.

FROITO
Os froitos da arandeira son os arandos, bagas globosa e carnosas comestibles de cor violácea ou negroide ao madurar e sabor agridoce.

FLORACIÓN: primavera.

FROITO MADURO: verano – principio de outono.

O herbario: Árbores | Matos | Plantas | Fentos | Briófitos

Contacto e créditos