A fotosíntese é o proceso que transforma a enerxía do Sol en enerxía química e as moléculas inorgánicas de dióxido de carbono (CO2) en moléculas orgánicas de azucre glicosa. Durante o proceso necesítase constantemente auga (H2O) e elimínase o gas osíxeno (O2), vital para outros seres vivos coma os animais. A continuación explícase como sucede este proceso:
- Polo día, as ondas que proveñen do Sol golpean as follas dos vexetais e penetran no interior das células cara os orgánulos cloroplastos. Dentro deles a luz pega nas membranas dos seus sacos e fai excitar a pequenas moléculas de pigmento chamadas clorofilas, que se agrupan en 2 sistemas relacionados, o fotosistema I e o fotosistema II.
- As clorofilas excitadas ceden 2 electróns a outras moléculas da membrana dos sacos, o que produce un movemento de electróns que permite o paso de ións hidróxeno (H+) desde o estroma do cloroplasto cara o interior dos sacos.
- Os ocos que deixaron os electróns no fotosistema I son recheados polos electróns que veñen do fotosistema II e os ocos do fotosistema II son recheados por electróns das moléculas de auga que veñen do solo.
- A auga, que está dentro dos ocos, racha en electróns, ións osíxeno e ións hidróxeno (H+). Os ións H+ permanecen no interior dos sacos e os ións osíxeno forman moléculas de osíxeno (O2), que saen cara á atmosfera. Todos os ións H+ acumulados no interior dos sacos saen coma se foran a auga das fervenzas por un complexo de proteínas. Daquela xérase enerxía que se acumula en moléculas chamadas ATP.
- Por outra banda, as moléculas de dióxido de cabono (CO2) que veñen do aire e entran polos poros, reagrúpanse no interior do cloroplasto grazas a enerxía do ATP, dando lugar ao azucre glicosa. Necesítanse 6 moléculas de dióxido de carbono (CO2) para formar unha molécula de glicosa. A glicosa é a molécula base para formar todas as estruturas do vexetal.