Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

FACTORES ABIÓTICOS
Son todas as características físicas ou químicas que afectan aos seres vivos dun ecosistema. Nos bosques algúns dos factores abióticos que máis afectan son:

Insolación

O grado de insolación dunha zona vén determinado pola súa orientación (cara o N, cara o S), pola súa altitude (a maior altitude, maior insolación) e pola súa latitude (en latitudes máis baixas a insolación é maior). En Galicia o grado de insolación non é excesivo, agás na parte oriental do val do Sil e os seus afluentes da marxe esquerda. Nestas zonas o clima pódese considerar mediterráneo, con gran amplitude térmica, escasas precipitacións e gran insolación en primavera e verano. Por iso, tanto as árbores coma os matos que crezan nestes lugares deben desenvolver estratexias para aguantar as fortes insolacións estivais, coma follas pouco carnosas, duras e con ceras reflectantes, coma as da aciñeira. A máis algunhas árbores resisten máis a insolación que outras, así o bidueiro, coas súas follas colgantes paralelas aos raios solares que evitan a insolación excesiva, é a árbore por excelencia das zonas degradadas, xa que son capaces de crecer desde pequeniñas con gran insolación.

Tipo de solo (acedume do solo)

Os solos derivan das rochas que hai embaixo máis a actividade que se desenvolve na superficie das mesmas. En Galicia a maioría das rochas son granitos, xistos e lousas, que desenvolverán solos pobres en nutrientes; soamente no extremo suleste e en determinados puntos do Courel aparecen solos desenvolvidos a partir de calcáreas, máis ricos en nutrientes, e na Serra da Capelada e Terra de Melide hai solos que se desenvolven a partir de rochas básicas coma gabros ou serpentinas. Así pois o tipo de solo evita ou favorece o asentamento de vexetais adaptados a acedume dependente da rocha previa. Por iso no territorio galego son frecuentes, por exemplo, os bosques de carballos, típicos de substratos acedos.

Humidade e temperatura

A humidade e temperatura atmosférica tamén limita o asentamento de determinados vexetais. Algúns non son capaces de aguantar as secas estivais, coma as abeleiras. Outros non poden coas altas amplitudes térmicas, ou necesitan certa calor estival coma é o caso dos loureiros,  érbedos ou sobreiras.

FACTORES BIÓTICOS
Os factores bióticos son todas as relacións que se establecen entre os seres vivos dun ecosistema, tanto entre os individuos dunha especie como entre os individuos de diferentes especies. As relacións poden ser positivas, neutras ou negativas para cada un dos organismos que entra na relación. Unha das relacións que se establece nos bosques son:

Competencia

Se ben nos animais entendemos claramente como dúas especies poden competir polo espacio, ás veces para os vexetais isto non é tan evidente. Non obstante eles desenvolven multitude de estratexias coma:

  • Producir factores que paralizan o crecemento doutras plantas, coma fan os eucaliptos.
  • Rebrotar con facilidade despois dos lumes, coma sucede tamén cos cerquiños, sobreiras ou érbedos.
  • Crecer de forma moi densa, de tal xeito que non poida chegar a luz a posibles competidores, coma plantas do estrato herbáceo, cousa que sucede con moita frecuencia nos faiais.
  • Ter resistencia á insolación, mediante distintas estratexias coma as aciñeiras ou bidueiros.

Probablemente, naqueles lugares onde varios tipos de bosques poderían desenvolverse, os factores abióticos, xunto coa compentecia, serán os factores que máis condicionarán o desenvolvemento dun tipo ou outro de bosque.



Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces


Contacto e créditos