Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Tipos de hábitats bosque: Bidueirais

Os bidueirais aparecen dispersos por toda Galicia, faltando soamente nas zonas con clara influencia mediterránea  coma as Rías Baixas ou o  val do Sil-Miño. Non obstante, os bosques aparecen a partir dos 400 – 500m, ben coma bosque clímax nas partes altas das montañas do leste ou ben coma etapas de substitución dos bosques tipo carballeira, faial ou ameneiral.

Localización: en zonas abertas solleiras.
Tipo de solo: os bidueirais desenvólvense sobre substratos acedos e húmidos.
Localización bioxeográfica:
Rexión Eurosiberiana.
Provincia Atlántica-Europea
Subprovincia Orocantábrica, sector Orocantábrico occidental, sector Galaico-Duriense.

ALTURA
0 – 1600 m

Outros nomes: bidueiras, bidual, biduedo, bidueda, biduído, bidueiral, bidouredo, biduíza.

Etapas de substitución: piornos ou xesteiras e carroucheiras.

Bidueiral

Importancia

Os bidueiros son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2 e axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que moitos animais, incluídos os  invertebrados atopan protección e alimento nestes bosques, asemade os herbívoros poden alimentarse das súas follas case todo o ano e outros seres vivos poden facelo dos seus restos durante todo o ano. Tamén os bidueirais son un recurso económico interesante, que, ben xestionado, pode levar benestar ás zonas onde se atopa xa que dános madeira, leña, refuxio para os distintos seres vivos e son un ben de interese turístico  e cultural, coma o Bidueiral de Montederramo.

Ameazas

Esta é unha das poucas formacións arbóreas que non se atopa en regresión, se ben debería protexerse, pola poca extensión que ocupan. O máximo perigo de todos os bidueirais está na presión antrópica pola transformación de moitas áreas naturais en grandes plantacións forestais e pola realización de infraestruras para fomentar o uso do automóvil.

Conservación

Na actualidade este tipo de bosques atópanse en expansión substituíndo aos matos como resultado da sucesión natural de vexetación, agora que descendeu a presión antrópica.

Tipos de bidueirais

Bidueiral con luzula (1200 - 1700 m)

Estes son bosques de altura media (8-14m), típicos da parte superior das montañas orientais, onde se atopan sometidos ás neves invernais. Sitúanse por riba dos faiais e por baixo das cimbreiras dos cumes constituíndo o límite altitudinal dos bosques galegos.

Outras árbores que acompañan ao bidueiro son o carballo albar, o capudre, a abeleira, o teixo, o pradairo, a cerdeira brava ou o umeiro de montaña. No sotobosque aparece a uz branca, o arando ou a anémona nemorosa.

Localización: preferentemente nas abas avesías dos principais macizos orientais galegos: Ancares, O Cebreiro, Courel, Trevinca, Manzaneda, Xurés.
Pisos bioclimáticos: supratemperado.
Ombroclima: hiperhúmido.
Localización bioxeográfica: nos cumes de varios sectores.

Bidueiral de substitución de carballeiras (0 - 1200 m)

Son bidueirais que aparecen cando se tallan os carballos ou morren polo lume, xa que colonizan o terreo antes de que a carballeira poida crecer, ao seren capaces de aguantar ben a forte solleira e os terreos queimados. Polo mesmo motivo acompañan ao bidueiro plantas que poidan aguantar o Sol, coma o feo.

Nos terreos con solos máis húmidos da Terra Chá fórmase un bidueiral húmido, que podemos considerar unha variedade de carballeira-ameneiral, cuxo sotobosque posúe moitas plantas de zonas húmidas coma o buño lusitánico, a espadana amarela, amentas ou salgueiriños.

Localización: en zonas solleiras.
Pisos bioclimáticos: -
Ombroclima: húmido - hiperhúmido.
Localización bioxeográfica: a mesma cas carballeiras.

Bidueiral de substitución de faiais e carballo albar (700 - 1700 m)

Sos bidueirais de substitución que aparecen nas serras orientais lucenses substituíndo as carballeiras de carballo albar con paxariños ou coma etapa previa aos faiais con onfalodes que asentan sobre solos ricos en nutrientes.

Localización: serras orientais lucenses.
Pisos bioclimáticos: -
Ombroclima: hiperhúmido.
Localización bioxeográfica: sector Orocantábrico occidental.



Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque



Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces


Contacto e créditos