Tipos de hábitats bosque: Carballeiras
As carballeiras son o bosque climax por excelencia do noso país, dada a súa bioclimatoloxía, orografía e tipos de solos que ten. Soamente escasean no suleste. Non entanto, desde hai milleiros de anos, o ser humano aproveitou en exceso estes bosques e as terras onde asentaban, modificando a paisaxe de moitos vales. Aínda así quedan algúnhas carballeiras que, segundo onde se atopen, están acompañadas por distintas plantas. Estas plantas non aparecen noutras zonas por seren máis restritivas nas súas tolerancias ambientais que o carballo. Así pois en Galicia diferenciamos tres tipos fundamentais de carballeiras:
Ademais en todas as carballeiras soen aparecer muruxas, onfalodes ou fentos.
Localización: vales e abas suaves
Tipo de solo: as carballeiras non son esixentes en canto as necesidades de nutrientes, o substrato onde asentan é acedo e o solo debe ser profundo e húmido (de aí a súa localización en abas e vales).
Localización bioxográfica:
Rexión Eurosiberiana, provincia Atlántica Europea.
Subprovincia Orocantábrica, sector Galaico-Duriense.
Subprovincia Cántabroatlántica
Sector Galaico-Asturiano, sector Galaico-Portugués, sector Galaico interior.
ALTURA
0 - + 1000m (montañas orientais)
As carballeiras son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2, axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que moitos animais, incluídos invertebrados atopan protección nestes bosques, asemade os herbívoros poden alimentarse das súas follas e outros seres vivos poden facelo dos seus restos durante todo o ano.
Tamén as carballeiras son un recurso económico interesante, que, ben xestionado, pode levar benestar ás zonas onde se atopan, pois dános madeira, leña, refuxio para os distintos seres vivos e son un ben de interese turístico e cultural.
As carballeiras galegas sitúanse en vales fértiles e de agradable clima. Esta localización xunto coa utilización abusiva dos carballos (madeira para elaboración de mobiliario e barcos, carbón vexetal para ferrerías, cortiza para tenerías) condicionou a transformación das carballeiras, ao longo de milleiros de anos, en asentamentos humanos, infraestruturas, plantacións de piñeiros e eucaliptos, cultivos agrícolas, prados e pastos ou matos de substitución. Por todo isto a área de distribución actual das carballeiras é moi reducida e está necesitada de protección.
A súa conservación é difícil pola escasa extensión destes bosques, xa que foron víctimas desde antigo do aproveitamento abusivo da súa madeira, leña e carboneo e cambios no uso do seu solo para cultivos, prados ou asentamientos humanos. Por iso necesítase da súa urxente protección. Ademais as tallas e os lumes favoreceron a expansión dos seus matos de substitución: piornais, xestais, carroucheiras e toxais que, con frecuencia, teñen sido substituídos por piñeiros e eucaliptos. Non obstante certas medidas de incentivación por parte da administración parece que empezan a dar os seus froitos.
Esta é a carballeira característica do norte de Galicia. A sombriza e humidade do seu sotobosque favorece a existencia de gran número de fentos, como o blechno que caracteriza a esta carballeira.
Outras árbores que podemos atopar neste bosque son o pradairo, o castiñeiro, o bidueiro e o capudre, xunto co sanguiño, a abeleira e o rebolo. No nacemento do Eo atópanse tamén faias, na súa localización máis suroccidental europea.
Nas zonas máis cálidas por baixo dos 250m aparecen plantas características de zonas máis cálidas, como o loureiro e o érbedo.
Localización: parte norte das provincias de A Coruña e Lugo, nos vales e abas sombrizas.
Pisos bioclimáticos: termotemperado, mesotemperado e supratemperado inferior.
Ombroclima: húmido e hiperhúmido.
Localización bioxeográfica: rexión Eurosiberiana, provincia Atlántica Europea
Subprovincia Cantabroatlántica.
Sector Galaico-Asturiano, subsector Cantábrico occidental.
Solo: sobre substrato acedo. Necesita alta humidade no solo pero non necesita gran cantidade de nutrientes.
Esta é a carballeira do occidente galego, caracterizada polo influxo mediterráneo que chega á Galicia atlántica por vía costeira desde Portugal e esténdese cara o interior seguindo os grandes vales.
Outras árbores deste bosque son o loureiro, o castiñeiro, o acivro e non resulta raro o cerquiño. No sotobosque hai poucos fentos e aparece a xilbarda, unha planta de ambientes máis cálidos, xunto coa herba salguera, hedras, violetas ou a carpaza azul.
Nas zonas de maior influxo mediterráneo, nas zonas baixas e cálidas dos vales dos ríos Miño, Umia, Ulla e Tambre e nas localidades máis continentais do oeste ourensán aparece a sobreira acompañada por outras plantas características destes ambientes coma o loureiro, o érbedo, a rubia ou o trovisco.
Localización: vales.
Pisos bioclimáticos: preferentemente mesotemperado pero baixa ao termotemperado.
Ombroclima: húmido ou hiperhúmido, con certa aridez estival ou subhúmido suave.
Localización bioxeográfica: rexión Eurosiberiana, sector Galaico–Portugués, nos antigos subsectores compostelano e miñense. Polo río Miño penetra no antigo subsector Lucense e atópase na fronteira con Portugal no subsector Xuresiano-Queixense.
Esta é a carballeira das terras interiores e meridionais de Galicia, onde a altitude xa é maior, aumenta a continentalidade e existe máis influencia do clima mediterráneo.
Neste bosque pechado non hai especies de ambientes cálidos e si aparecen árbores e plantas de zonas máis frías e continentais coma o rebolo, a uz branca ou o estripo. Outros vexetais son o o sanguiño, a abeleira, o acivro ou o pradairo. O castiñeiro segue a aparecer e o bidueiro faise máis frecuente, probablemente polas maiores precipitacións.
Localización: independente da orientación.
Pisos bioclimáticos: preferentemente supratemperado. Maior continentalidade.
Ombroclima: húmido ou hiperhúmido, importante innivación invernal e certa seca estival.
Localización biogeográfica: rexión Eurosiberiana, sector Galaico-Portugués, nos antigos subsectores lucense e xuresiano-queixense.
Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque
Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces