Tipos de hábitas bosque: Bosque de cerquiños
Os bosques de cerquiños son os que dominan o territorio das provincias de Ourense e sur de Lugo nos que se da certa continentalidade, seca estival e frío invernal. Estes bosques deberían ser un dos máis frecuentes na nosa comunidade, se ben a súa utilización desde hai milleiros (madeira, leña, carbón) e a transformación posterior do uso do seu terreo para vides, soutos, prados e cultivos fai que hoxe queden manchas destes bosques nas serras dos Ancares e Courel, partes altas do oriente do val do Sil e os seus afluentes e val de Lemos, A Limia e Monterrei, chegando ata a capital ourensana.
Localización: abas e vales.
Tipo de solo: os bosques de cerquiño son indiferentes da natureza do substrato, pero aparecen máis sobre substratos acedos ou calcáreos moi lavados. Os solos sobre os que asentan son máis pobres, menos profundos e húmidos que os das carballeiras.
Localización bioxeográfica:
Rexión Eurosiberiana, provincia Atlántica Europea.
Subprovincia Orocantábrica, sector Orocantábrico occidental, sector Galaico- Duriense.
Subprovincia Cántabroatlántica, sector Galaico interior, sector Berciano-Valdeorrés.
ALTURA
500 – 1300, pero poden atoparse exemplares a nivel do mar.
Os bosques de cerquiños son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2, axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que moitos animais, incluídos os invertebrados atopan protección nestes bosques; asemade os herbívoros poden alimentarse das súas follas e outros seres vivos poden facelo dos seus restos durante todo o ano. Tamén estes bosques son un recurso económico interesante, que, ben xestionado, pode levar benestar ás zonas onde se atopa xa que dános madeira, leña, forraxe invernal, refuxio para os distintos seres vivos e son un ben de interese turístico e cultural.
Os bosques de cerquiños, do mesmo xeito cas carballeiras noutra áreas, sitúanse en vales fértiles e de agradable clima. Esta localización xunto coa utilización abusiva dos cerquiños (carbón vexetal para ferrerías, cortiza para tenerías, madeira para travesas) condicionou a transformación destes bosques ao longo de milleiros de anos en asentamentos humanos, infraestruturas, plantacións de piñeiros e eucaliptos, cultivos agrícolas, prados ou matos de substitución. Por todo isto a área de distribución actual dos bosques de cerquiños é moi reducida e está necesitada de protección.
A súa conservación é difícil pola partición e escasa extensión destes bosques; nalgúns casos formados por monte baixo de grande densidades procedente de brotes, resultado do seu aproveitamento desde antano para madeira, leña, carboneo, pastoreo e a súa substitución por cultivos agrícolas, pastos, soutos de castiñeiros e outras plantacións forestais. O lume, favorecido polas súa orientación en solaina, tamén colaborou a súa diminución.
Estes son bosques restrinxidos ás ladeiras do Cebreiro, Courel e Ancares, onde se sitúan por baixo dos faiais ou carballeiras de carballo albar e viven formando un bosque moi pechado de altura media (10 – 20m), no que tamén aparecen carballos, carballos albares, híbridos e algún bidueiro por riba dos 1000 m. No sotobosque é frecuente os paxariños e a herba salgueira.
Nas zonas baixas e cálidas cun maior influxo mediterráneo aparece a sobreira acompañada por outras plantas características destes ambientes coma o loureiro, o érbedo ou o espiño albar.
Localización: serra dos Ancares e do Courel.
Pisos bioclimáticos: mesotemperado superior e supratemperado. Entre os 500 – 1300, aínda que se pode atopar a nivel do mar. Nas serras de os Ancares e o Courel entre os 600 e 1100 , puidendo ascender ata os 1300 m nas solainas e descender ata os 350m no val do Navia.
Ombroclima: subhúmido, húmido e hiperhúmido(en solos moi secos).
Localización bioxeográfica: rexión Eurosiberiana, sector laciano ancarense, antigo subsector naviano ancarense.
Etapas de substitución: piornais, xestas brancas, codesais, uceiras de uz moura e carqueixa.
Atopamos estes bosques nunha pequena franxa da parte oriental do val do Sil, por riba das aciñeiras, en zonas con clara continentalidade e seca estival. Son bosques nos que soe faltar o carballo e entran plantas submediterráneas como a xesta branca, a xilbarda, a rubia ou o ourego.
Nas zonas máis baixas e cálidas cun maior influxo mediterráneo aparecen árbores características destes ambientes como a sobreira, o loureiro ou o érbedo.
Localización: parte oriental do val do Sil, por riba dos enciñais
Pisos bioclimáticos: mesomediterráneo
Ombroclima: húmido
Localización bioxeográfica: antiga rexión Mediterránea iberiana, subsector Orensano-Sanabrense.
Este bosque de cerquiños con piorno espiñento falcado é un dos bosques que deberían ser máis frecuentes na nosa comunidade, se ben a súa utilización desde hai milleiros de anos (madeira, leña, carbón) e a transformación posterior do uso do seu terreo para vides, soutos, prados, cultivos fai que hoxe en día non queden máis que manchas destes bosques nas comarcas do Val de Lemos, A Limia e Monterrei, chegando ata a capital de Ourense, refuxiados nos encaixados vales do Sil, Miño e algún dos seus afluentes, en localidades cálidas e secas por riba dos enciñais.
Localización: independente da orientación e pendente.
Pisos bioclimáticos: mesomediterráneo,pero con influencia atlántica, descende ata os 150m preto da capital ourensana.
Ombroclima: subhúmido.
Localización bioxeográfica: antiga rexión Mediterránea iberiana, subsector Orensano-Sanabrense.
Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque
Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces