Tipos de hábitats bosque: Enciñais
Estes son os bosques das zonas con maior influxo mediterráneo de Galicia, onde a continentalidade, o frío invernal e a seca estival son maiores. Son bosques que crecen en solainas sobre solos secos e pedregosos, por baixo dos bosques de cerquiños. Segundo as plantas que acompañan as aciñeiras, diferenciamos dous tipos de enciñais, uns localizados nas abas calcáreas en solaina das serras orientais e outros restrinxidos á parte baixa do oriente do val do Sil. As plantas acompañantes non aparecen en todos os enciñais por seren máis restritivas nas súas tolerancias ambientais que a aciñeira.
Ademais nas zonas máis baixas do sueste galego deberíamos ter máis enciñais, pero a súa localización en áreas favorables para a agricultura levou desde antano a súa substitución por prados, cultivos e vides nuns casos e noutros casos a súa utilización para lugares de pastoreo ou de extracción de leña.
Localización: en abas pedregosas secas, xeralmente en solainas, onde se acada unha maior insolación.
Tipo de solo: os enciñais son indiferentes do tipo de substrato. Nas zonas máis húmidas aparecen sobre substratos calcáreos e máis secos e nas zonas mediterráneas sobre substratos acedos.
Localización bioxeográfica:
Rexión Eurosiberiana, provincia Atlántica Europea.
Subprovincia Orocantábrica, sector Orocantábrico occidental, subsector Coureliano (5c), sector Galaico-Duriense.
Subprovincia Cántabroatlántica, sector Galaico interior, subsector Naviego (3d), subsector Ourensano-Lugués (3c), sector Berciano-Valdeorrés.
ALTURA
300 - 700 m (val do Sil)
450-1400 (Serra do Courel)
Os enciñais son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2, axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que durante o inverno moitos animais, incluídos os invertebrados, atopan protección e alimento nestes bosques, asemade os herbívoros poden alimentarse das súas follas no inverno e outros seres vivos poden facelo dos seus restos durante todo o ano. Tamén os aciñeirais son un recurso económico interesante, que, ben xestionado, pode levar benestar ás zonas onde se atopa xa que dános madeira, leña, forraxe invernal, refuxio para os distintos seres vivos e tamén son un ben de interese turístico e cultural polo caracter relicto destas comunidades na nosa terra, cuxa destrución levaría a súa probable desaparición, ao atoparse no límite da súa área de distribución ou xa fora dela.
A localización dos enciñais en áreas favorables para a agricultura levou desde antano a súa substitución por prados, cultivos e vides nuns casos e noutros casos a súa utilización para lugares de pastoreo ou de extracción de leña o que fai que hoxe en día estes bosques estean moi fragmentados.
A súa conservación é difícil pola partición e escasa extensión destes bosques, a súa transformación en matos polo uso intensivo destes bosques, sometidos a tallas constantes, lumes, aproveitamento de leña, carbón vexetal e pastos. Non obstante a súa situación topográfica case inaccesible e sobre solos moi pobres protéxeos algo destas ameazas.
Este é un enciñar adaptado a solos calcáreos e secos das solainas dalgunhas abas moi inclinadas das montañas orientais, coma Cruzul ou a Serra do Courel.
Probablemente é bosque relicto de épocas postglaciais máis secas, cando o clima era máis adecuado para o seu desenvolvemento.
Coma consecuencia das tallas, lumes e aproveitamentos para leña, carbón vexetal e pastos, máis que coma bosque aparece coma un mato moi ramalludo de 2 a 5 m de alto.
Localización: Pedrafita, Cruzul, Serra do Courel.
Pisos bioclimáticos: mesotemperado - supratemperado.
Ombroclima: húmido - hiperhúmido.
Localización bioxeográfica: antigo subsector Naviano - ancarense.
É un enciñar tipicamente mediterráneo que penetra en Galicia polas zonas baixas do val do Sil e asenta en terreos acedos. Nestes bosques atópanse exemplares de ata 10m.
Acompañan ás aciñeiras vexetais de ambientes cálidos coma o espiño albar, o érbedo, o escornacabras, as estebas, a rubia, o tomiño ou o ourego.
Localización: val do Sil - Miño e algún dos seus afluentes.
Pisos bioclimáticos: mesomediterráneo - supratemperado. En situacións favorables ata os 1100 m (Val de Casaio, Serra da Lastra).
Ombroclima: subhúmido.
Localización bioxeográfica:antiga R. Mediterránea, ourensano – sanabrense.
Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque
Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces