Tipos de bosques - Faiais
Os faiais son bosques altos (30-40m) e avesíos, que se desenvolven sobre solos ricos e húmidos.
Debido a forte sombra que producen as árbores o seu sotobosque é pouco variados, cheo de plantas adaptadas á sombriza. Non obstante, en zonas máis abertas as faias acompáñanse por teixos, acivros, carballos albares, cerquiños, capudres, pradairos, olmos de montaña, cerdeiras bravas ou abelairas.
En Galicia atopan o seu límite occidental de distribución nas serras orientais luguesas. Por iso e por estar en contacto con carballeiras e bosques de cerquiños non teñen as típicas características dos faiais.
Localización: xeralmente en avesías.
Tipo de solos: os faiais desenvólvense sobre solos con moitos nutrientes, fértiles e húmidos, pero non enchoupados. Son indiferentes do substrato orixinal, aínda que prefiren os calcáreos.
Localización bioxeográfica:
Rexión Eurosiberiana.
Provincia Atlántica-Europea.
Subprovincia Orocantábrica, sector Orocantábrico occidental, subsector Coureliano (5c).
ALTITUDE
800 – 1450m
Etapas de substitución: piornais de Genista florida e uz branca con fento. Más adiante a matos de uz moura con carqueixa.
Os faiais son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2, axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que moitos animais, incluídos invertebrados atopan protección e alimento nestes bosques; asemade os herbívoros poden alimentarse das súas follas e outros seres vivos poden facelos dos seus restos durante todo o ano. Tamén os faiais son un recurso económico interesante, que ben xestionado pode levar benestar ás zonas onde se atopa xa que dános madeira, leña, refuxio para os distintos seres vivos e tamén son un ben de interese turístico e cultural polo caracter relicto destas comunidades na nosa terra, cuxa destrución levaría a súa probable desaparición, ao atoparse no límite da súa área de distribución ou xa fora dela.
Moitos faiais foron aproveitados desde antigo para madeira e en menor medida para leña; noutros casos a riqueza do seu solo fomentou a súa transformación en prados, cultivos ou repoboacións de piñeiros, de crecemento máis rápido.
A súa conservación é difícil pola partición e escasa extensión destes bosques. Non obstante a súa situación topográfica case inaccesible protéxeos algo destas ameazas.
Este é un bosque que se desenvolve sobre substratos calcáreos que dan lugar a solos ricos ou cunha cantidade media de nutrientes. O sotobosque, dado o sombrizo e a competencia das raíces de faia, é diverso pero pouco denso, con barredoiro (Mercurialis perennis), fentalla (Polystichum setiferum), trovisco (Daphne laureola) e hedras.
Localización: desde o extremo norte da serra dos Ancares, montes do Cebreiro á parte central da serra do Courel.
Pisos bioclimáticos: -
Ombroclima: -
Localización bioxeográfica: sector Orocantábrico occidental.
O bosque de faias con saxífraga desenvólvese sobre substratos acedos que dan lugar a solos pobres en nutrientes. No seu sotobosque aparece a herba Luzula henriquesii ou Deschampsia flexuosa, arandos, blechnos, Dryopteris dilatata.
Localización: zona de A Fonsagrada coma o Monte de A Marronda (Baleira).
Pisos bioclimáticos: -
Ombroclima: hiperhúmido.
Localización bioxeográfica: subprovincia Cantabroatlántica, sector Galaico-Asturiano.
Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque
Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces