Tipos de hábitats bosque: Bosques con teixo
O teixo é unha árbore que non supera os 15m e cunhas necesidades parecidas á da faia: humidade ambiental elevada e certo grado de solleira; ademais evita o frío extremo. Por iso máis que teixeiras en Galicia atopamos teixos no sotobosque de bosques máis altos, coma faiais, carballeiras, bosques de cerquiños, bidueirais ou bosques de galería [incluso illados ao pé de paredóns rochosos ou gretas, en condicións de protección e avesía, pois crece sobre gran variedade de substratos.
Porén, en Galicia posuímos unha teixeira centenaria, o Teixedal de Casaio, un bosque relicto da vexetación da era Terciara, cando esta árbore abundaba máis. O bosque formouse pola desaparición das especies altas do bosque orixinal. Xunto cos teixos crecen acivros, abeleiras, capudres e freixos e baixo o forte sombrizo do sotobosque aparecen especies de pouca luz coma algún fento, seixebras ou luzulas.
Localización xeográfica: Serra do Xistral, Teixedal de Casaio, Serra da Capelada. En xeral desde o golfo Ártabro ata o Xurés e montañas orientais.
Localización topográfica: abas de certa pendente pero indiferente da orientación. Na rexión Mediterránea sempre aparecen nas abas norte. Sotobosques.
Pisos bioclimáticos: non soporta o frío extremo
Ombroclima: as precipitacións deben estar entre 600 e 2600mm , pois a humidade do solo é o seu factor limitante.
Localización bioxeográfica: varios sectores.
ALTURA
300 – 1400 m
Tipo de solo: o substrato sobre o que se desenvolven os teixos pode ser acedo ou básico. Exemplo de substrato acedo son os granitos ou lousas de Casaio e ejemplos de substrato básico son as granulitos ou anfibolitas de Teixido, na Capelada. Sobre estes substratos tan variados desenvólvense solos moi variados, aínda que crecen mellor cando os solos son profundos con textura arxilo-lamacenta ou lamacenta con boa drenaxe.
Máis información
En xeral solos con perfil Ah-R o Ah-(B)-C. Frecuentemente aparece un horizonte orgánico (O), con moita materia orgánica.
Os teixedais son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2 e axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que durante o inverno moitos animais, coma os milros e zorzais, osos e invertebrados atopan protección e alimento nestes bosques; asemade os herbívoros e o gando poden alimentarse das súas follas no inverno (a pesares da súa certa toxicidade) e outros seres vivos poden facelo dos seus restos durante todo o ano.
Tamén dos teixedais obtívose tradicionalmente madeira e na actualidade utilízase un principio activo, o Taxol para o tratamento de diferentes carcinomas, principalmente o de mama. Este recurso económico, ben xestionado, pode levar benestar ás zonas onde se atopa e convertirse tamén nun ben de interese cultural pola beleza das súas formacións, coma sucede no Teixedal de Casaio, en Ourense ou noutros teixedais con árbores senlleiras.
O teixo é unha especie moi antiga, cuxa representación no pasado debeu ser moito maior que a actual. O xénero Taxus data, alomenos, do Xurásico inferior ou medio, hai máis de 140 millóns de anos e a súa máxima expansión tería lugar nas épocas máis favorables do Cuaternario. Non obstante, hoxe en día a súa representación é moi reducida, debido tanto á competencia con outras especies coma as intensas tallas sufridas pola calidade da súa madeira. Tamén o noso Teixedal de Casaio está ameazado polas extractoras de lousa, os lumes e a propia inestabilidade da vagoada onde asenta.
A súa conservación é difícil pola fragamentación e escasa extensión destes bosquetes, o abandono dos usos tradicionais do bosque, o pastoreo e talla excesiva e o lume. Non obstante a súa situación topográfica case inaccesible protéxeos algo destas ameazas. Ademais pode axudar a súa protección a conservación das comunidades de matos espiñentes que crecen nas proximidades (silvas, espiños albares, roseiras, bruñeiros e outros), pois desempeñan un papel de protección contra a presión dos herbívoros. A máis a conservación de milros e zorzais axuda a dispersión das sementes.
Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque
Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces