Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Na actualidade os matos ocupan en Galicia unha quinta parte do territorio total e unha terceira parte da  superficie forestal. Nestes dous últimos séculos a súa superficie viuse  diminuíuda considerablemente pola substitución dos matos por monocultivos forestais de eucalipto e piñeiro, especialmente na franxa litoral. Tendo en conta isto, a formación e evolución dos matos en Galicia está condicionada por tres feitos fundamentais:

Evolución natural da vexetación

A evolución natural da vexetación dunha zona concreta é o que chamamos sucesión ecolóxica. Ao longo do tempo, e se as condicións permanecen estables, o tipo de vexetación dunha zona vai ir variando ligada á evolución do solo ata que se acade a vexetación  máis estable e complexa posible nese territorio. Esta última etapa de evolución vexetal é a etapa madura ou climax, que soe corresponderse cos bosques, aínda que baixo certas circunstancias climáticas poden aparecer matos climax

Os cambios climáticos e os factores destrutores (tallas, lume...) favorecen a volta a etapas máis iniciais formadas por comunidades máis simples, de vida curta e facilmente substituibles por outras. Falamos entón de regresión da sucesión.

Nun territorio estable e cunha vexetación evolucionada a maioría do seu espazo debería estar cuberto de bosques. Non obstante en Galicia isto non sucede, pois a paisaxe está fortemente modificada polo ser humano xa que:

  • Moitas zonas son aproveitadas para cultivos de maíz, berza, patata ou outras plantas foráneas coma o eucalipto ou pino.
  • Outros lugares que deberían estar cubertos de grandes bosques, aparecen cubertos con matos que substitúen aos bosques que foron talados ou queimados, xa que poden soportar mellor os solos máis degradados. Son os chamados matos de substitución. Estes matos son os máis abundantes no noso territorio e seguirán desenvolvéndose de forma natural ata chegar nun futuro aos bosques clímax da paisaxe, se as condicións permaneces estables.
  • Ademais, en certos casos o solo actúa coma factor limitante, por  exemplos nos rochedos, onde a vexetación que se instale nunca poderá chegar ao seu climax, polo que se desenvolverán matos permanentes.

Por todo o dito atopamos en Galicia unha gran biodiversidade de matos de distinta orixe.

Evolución da vexetación ao longo do tempo

No Terciario, hai uns 1,5 – 1millóns de anos, o clima en Galicia, coma no resto de Europa era tropical, polo que a flora tamén era tropical. Desde hai 600.000 anos sucedéronse os catros periodos glaciais (fríos), que foron alternando cos periodos interglaciais cálidos. Estes cambios deron lugar á desaparición da flora tropical e a sucesivas invasións e regresións de vexetación adaptada aos fríos glaciares ata que se formou a paisaxe actual, nun ambiente interglaciar máis cálido.

Pero, en casos extraordinarios, chegaron ata os nosos días algúns supervivientes desa antiga vexetación, que coñecemos co nome de relictos terciarios ou relictos glaciais segundo a época á que correspondan. En xeral os relictos terciarios foron fentos subtropicais que se refuxiaron en bosques de ribeira atlánticos, de baixas altitudes e cunha humidade atmosférica alta e constante ao longo do ano como o fento do cabeliño, fento do botón ou a cabriña, pero tamén atopamos dous matos case de porte arbóreo, os érbedos e os loureiros.  En sentido contrario, algunha flora das épocas glaciais atopou refuxio nas altas montañas, onde vai máis frío e neve. Alí, aínda podemos atopar cimbreiras de cimbro rastreiro e arandeira negra, xunto cun fento licopodio que chega ata o círculo polar ártico, o fento Huperzia selago.  O cambio climático actual está a acelerar a desaparición destes matos relictos glaciais.

Deixando a un lado os relictos, os matos que aparecen en Galicia poden ter aquí o seu óptimo de distribución ou poden ter entrado por algunha vía migratoria que mantén unhas condicións ecolóxicas parecidas ao lugar de orixe destes matos.  Estas vías de penetración seguen bandas horizontais que se corresponden coas bandas climáticas da Terra. Así as especies propias de climas fríos utilizan as altas montañas coma vía de entrada en zonas máis cálidas e as plantas termófilas prefiren as terras baixas, quentes ou próximas á costa e aos grandes vales fluviais cando se adentran en climas máis fríos.

Exemplo galego do primeiro caso son o cancereixo ou o Nardus stricta, un mato e unha planta das altas montañas luguesas que se corresponden con plantas habituais do norte e centro de Europa e se conectan con elas pola Cordilleira Cantábrica e Pirineos.

Exemplo da entrada de matos termófilos son o piorno Cytisus pungens, o cerquiño ou o Echinospartum lusitanicum, que entran desde as zonas máis mediterráneas da Meseta cara o SE ourensán,  ou o érbedo, loureiro e sobreira, especies claramente mediterráneas que ascenderon desde o sur instalándose nas partes máis termófilas da costa e que se adentran polos  vales dos grandes ríos como o Miño ou Ulla.



Hábitats matos: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces


Contacto e créditos