Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

O Relevo

O relevo é o conxunto de formas do terreo que se encadean en calquera espazo. En Galicia a súa característica fundamental é a existencia dun conxunto de “teclas” fundidas e erguidas que se suceden desde máis aló do límite da costa ata os límites con Asturias, León, Zamora e Portugal.  Deste xeito diferéncianse distintas formas de relevo que  permiten situarnos no noso país. En xeral agrúpanse estas formas en :

Mapa do relevo de Galicia

Serras

As serras setentrionais: son superficies levantadas polos pregamentos e fracturas. Os cambios climáticos, o tipos de rochas  e a acción dos ríos  condicionan a modelaxe desta zona. Destacan os Montes do Xistral e Cadramón.

A Dorsal galega: esténdese de norte a  sur desde a Serra Faladoira ata Faro de Avión. Aumenta a súa altitude canto máis cara o sur se atopa. Inclúense tamén a Serra da Loba, a Serra de A Cova da Serpe, O Careón, a Serra do Farelo e as serras do Suído e do Cando.

 O val do Miño, entre O Ribeiro e As Neves é bastante pechado, pois as fracturas favorecieron a aparición dun val cheo de cambios de dirección no que aparecen con frecuencia fontes termais entre Ourense e Tui.

As serras orientais: son unha sucesión de vales e crestas, moitas veces de cuarcita orientados de leste a oeste.  Os seus materias soen ser lousas, calcáreas ou cuarcitas. As serras que máis destacan son as de Ancares e Courel; a primeira chega a case 2000m de altitude e a segunda supera os 1600m. Os movementos tectónicos, xunto coa acción dos ríos e antigamente a acción glaciar e periglaciar modelaron e modelan o relevo dando lugar á paisaxe que vemos hoxe en día. Nestas serras aínda poden observarse morenas, pequenos circos glaciais e vales en U, tipicos da excavación glaciar.

As serras sudorientais engloban a:

  • O Macizo de Manzaneda, coas serras de Queixa, San Mamede e os Montes de Invernadoiro.
  • O Macizo de Trevinca, formado pola serra do Eixe e A Carba e ao sur a Serra de Segundeira. Neste macizo atópase a Pena Trevinca, que é a maior altitude do país cos seus 2127m.
  • As serras de Leboreiro e Xurés.

Depresións

Nos bordes dalgunhas serras e entre as grandes extensión interiores aparecen unha serie de depresións de diferente orixe. En xeral son concas  Terciarias, formadas hai máis de 20 millóns de anos,  nas que no seu momento chegaba a auga dos ríos pero que co tempo recheáronse ata ser cubertas en moitos casos por depósitos cuaternarios. Destacan:

  • As depresións terciarias de As Pontes e de Meirama, que se explotaron para a obtención dos seus lignitos.  
  • A depresión Meridiana que se estende de norte a sur desde Carballo a Tui.   
  • A depresión Central da Terra Cha, tamén de orixe terciario, na que divagan varios ríos. No periodo de chuvias toda a  zona convértese nun gran humidal debido as arxilas impermeables terciarias que non permiten a filtración do exceso de auga.  
  • As depresións  de Sarria-Lemos e a depresión de Quiroga, aberta a favor dunha fractura que aproveita o río Quiroga e o Sil.
  • A depresión de Maceda, na que a acción recente dos ríos ten labrado un relevo suave con áreas aplanadas, elevacións e pequenos vales.  
  • A depresión da Limia,  con lignitos a uns 90 m. de profundidade.

A Galicia interior

Na Galicia interior destacan aplanamentos a distintas alturas por toda a xeografía, bastante degradados pola acción dos ríos. Destes ríos os dous máis importantes, sen dúbida, son o Miño e o Sil que forman grandes vales que van encaixados boa parte do seu percorrido, coma os canóns do Sil, debido ás elevacións e afundimentos tectónicos que tiveron lugar desde mediados do Terciaro ata principios do Cuaternario.

O litoral

O litoral galego caracterízase pola súa costa moi recortada, froito da súa historia xeolóxica, os cambios climáticos, o tipo de rochas e a modelaxe do relevo. Pódese dicir que está formado por un conxunto non continuo de rías, praias, cantís e illas. A máis, no litoral atlántico, sitúanse unha serie de relevos elevados que favorecen as precipitacións na liña costeira.

Na costa cantábrica, desde Ribadeo a Burela, elévase as últimas estribacións da Rasa Cantábrica, unha antiga plataforma costeira aplanada situada por baixo dos 100 m e duns 2 km de largo que foi modelada polas augas mariñas cando o nivel do mar era máis elevado.Predominan as praias e os cantís baixos.

Os ríos nesta área son curtos, forman pequenos vales e desembocan formando enseadas.  

Desde a Ría de Viveiro ata Ortigueira a costa é máis recortada; as serras Setentrionais chegan cerca da costa e desaparece a Rasa. Nesta zona dominan os catís, aínda que a lenta saída dos ríos ao mar favorece a aparición de extensas zonas de marismas.

Máis cara o oeste aparecen os cantís da Serra da Capelada, dos máis altos de Europa, pois acadan os 600 m de altitude con fortes pendentes.

Logo entramos nunha zona de rías (Ría de Cedeira, ría de Ferrol, ría de Ares, ría de Betanzos, ría de A Coruña) con relevos suaves, praias e cantís nas zonas onde a rocha é máis resistente. 

A partir de aquí  predominan os granitos, polo que os cantís fanse habituais encadeados con longas praias que poden levar asociadas lagoas costeiras. Todo o conxunto forma a zona da Costa da Morte, polo agreste da súa mar.  Destaca o Monte Pindo, por onde desemboca o río Xallas nunha espectacular fervenza única en Europa.

Entre as Rías Altas e Baixas aparecen a ría de Muros e Noia, entre as Serras de Outes e o Barbanza, que acadan os 700 metros de altitude. Esta é a única zona de Galicia que aínda presenta dunas móviles no espazo protexido de Corrubedo.

A primeira ría do conxunto das Rías Baixas é a  ría de Arousa,  unha ría de orixe tectónico. Orixinariamente era unha depresión terciaria que se recheou de sedimentos e foi inundada polo océano.

As outras Rías Baixas (Pontevedra e Vigo) seguen fracturas que condicionan a súa morfoloxía. Por exemplo, a ría de Pontevedra segue unha fractura suroeste – norleste. Na boca destas rías aparecen as illas Ons e as illas Cíes respectivamente.

O Relevo | Xeobotánica | Unidades bioclimáticas de Galicia

Contacto e créditos