Xeobotánica
Para entender que é a Xeobotánica primeio temos que saber que é a Ecoloxía. A Ecoloxía é a ciencia que estuda as relación que se establecen nun ecosistema.
Un ecosistema é o conxunto de biotopo e biocenose que aparecen nun lugar determinado nun momento determinado.
O biotopo é o medio no que se establece a biocenose. Pode ser o medio aéreo, acuático ou terrestre.
As biocenoses (ou comunidades) son o conxunto de poboacións de seres vivos que ocupan o lugar e as relacións que establecen entre eles e entre eles e o medio. Se falamos de comunidades vexetais facemos referencia soamente ao conxunto de poboacións de vexetais nese lugar.
A Xeobotánica (ou a Ecoloxía vexetal, ou a Xeografía vexetal) é o apartado da Ecoloxía que estuda a relación entre os vexetais e o medio. Esta disciplina abrangue á Bioclimatoloxía, Bioxeografía, Socioloxía vexetal, Taxonomía vexetal, Edafoloxía e Xeomorfoloxía.
Sábese que o conxunto de comunidades vexetais dunha zona relaciónanse ben con certas características bioclimáticas, bioxeográficas, xeomorfolóxicas e do tipo de solo así coma coas variación de vexetación ao longo do tempo. Tendo en conta o dito, sabendo a comunidade - tipo dunha zona, seremos capaces de coñecer as outras características (bioclimáticas...) da área.
Por iso entre os obxectivos principais da xeobotánica está o estudo das comunidades vexetais e os hábitat terrestres para conseguir a súa adecuada xestión, utilización e conservación mediante a creación de espazos protexidos, así coma a realización de modelos (vexetacionais, bioclimatolóxicos, bioxeográficos e funcionais) que teñan capacidade de predicción e interese práctico.
A Bioclimatoloxía estuda a relación entre o clima e a distribución dos seres vivos na Terra.
PARÁMETROS E ÍNDICES PARA CARACTERIZAR BIOCLIMÁTICAMENTE UNHA ZONA
Os parámetros e índices máis utilizados en Bioclimatoloxía son:
A Bioxeografía estuda a distribución, as causas e as vías de migración dos seres vivos e das súas comunidades na Terra tendo en conta como é o territorio. Por iso establécense diversos tipos bioxeográficos: o reino, a rexión, a provincia, o sector e o subsector.
Para definir un reino estúdanse os ecosistemas, os seres vivos, a orixe da flora e fauna, a xénese dos continentes, os bioclimas e os paleoclimas. As rexións ocupan amplos territorios no que existen especies, xéneros e incluso familias endémicas, posúe unha flora ou elemento orixinal, e dispón de series propias. Nos territorios emerxidos da Terra recoñecense 4 reinos e 45 rexións que se poden relacionar cos macrobioclimas terrestres e os continentes. As outras categorías concretan máis as características bioxeográficas dun territorio.
Galicia pertence ao Reino Holártico, cuxo territorio englobábase en dúas rexións ata hai pouco, a rexión Eurosiberiana e a rexión Mediterránea. Na actualidade prefírese incluír toda a comunidade na rexión Eurosiberiana (Guitián et al. 2008). Dentro dela distínguense 1 provincia, 2, subprovincias, 6 sectores e 16 subsectores con vexetación e indicadores bioclimáticos característicos.
A Socioloxía vexetal estuda as comunidades vexetais, as súas relacións co medio, os procesos que as modifican ao longo do tempo e as súas funcións dentro dos tipos bioxeográficos coñecidos. Para levar a cabo estes traballos defínense distintos termos coma o de serie de vexetación, que é o conxunto de comunidades vexetais que poden atoparse nun lugar determinado coma resultado do proceso da sucesión. Inclúe tanto a comunidade da etapa clímax (a cabeza de serie) coma a vexetación que pode substituíla.
A Taxonomía vexetal é a ciencia que nomea e agrupa ás distintas especies vexetais en funcións das súas características.
A Edafoloxía é a ciencia que estuda os solos.
A Xeomorfoloxía é a ciencia que estuda as formas do relevo.