Tipos de hábitats bosque: Bosques con sobreira
Normalmente as sobreiras aparecen formando parte de bosques mixtos abertos e moi alterados polo ser humano, no que existen baixas precipitacións, máis calor e menos seca e continentalidade ca necesaria para o desenvolvemento do cerquiño e a aciñeira.
Os bosques nos que aparecen soen ser carballeiras, bosques de cerquiños ou enciñais, que se atopan en áreas baixas e máis cálidas do habitual.
Ás veces aparecen extensións abertas de certo tamaño, explotadas para a extracción da súa cortiza e co sotobosque degradado por ese motivo.
Localización xeográfica: por todas as provincias galegas. Aparece sobre todo no sur e leste de Galicia, na conca do río Sil, e na costa ascende pola vía costeira e penetra polos vales dos grandes ríos coma o Miño ou o Ulla. Polo norte rebasa lixeiramente as fragas do Eume e falta máis ao norte e na costa lucense.
Localización topográfica: abas e vales frescos. A medida que subimos en altura tende a estas nas abas solleiras.
Pisos bioclimáticos: máis termófilos ca aciñeira. Nos primeiros momentos necesita o sombrizo doutra árbores, logo necesita boa solleira para desenvolverse.
Ombroclima: necesita unhas precipitacións entre 600 e 800mm. Son menos resistentes á seca cos cerquiños e as aciñeiras.
Tipo de solo: o tipo de substrato no que asentan as sobreiras é acedo, fundamentalmente de lousas e cuarcitas sobre as que se desenvolve un solo en xeral profundo e sen enchoupamento, con textura areosa ou solta.
Localización bioxeográfica: varios sectores.
ALTURA
0 – 1000 m
Os sobreirais son formacións de gran importancia ecolóxica pois protexen e crean solo, axudan ao mantemento do ciclo da auga, son sumideiros de CO2 e axudan a manter a biodiversidade animal e vexetal, xa que moitos animais, coma o gaio (Garrulus galndarios), o rato silvestre Apodemus sylvaticus ou invertebrados coma certos escarabellos viven das súas landras e atopan protección nestes bosques mixtos. Asemade os hérbivoros silvestres cervo. porco bravo, corzo ou gamo e o gando tamén poden alimentarse das súas follas e landras e outros seres vivos poden vivir dos restos das ábores durante todo o ano. Tamén os sobreirais son un recurso económico importante, pois destas árbores extráese a cortiza que sirve de illamento nas casas, diversos obxectos de consumo e cortiza para as botellas de viño.
Tradicionalmente, o uso maioritario das sobreiras en Galicia foi como fonte de materia prima para a fabricación de trobos e, xa en época máis recente, na industria vitivinícola para a fabricación de tapóns. Actualmente aínda se descortizan sobreiras no sur da provincia de Lugo para fins industriais.
Os solos destes hábitats poden verse sometidos a erosión hídrica por un mal manexo das labores de descortizamento.
A conservación do propio bosque é difícil polos lumes (a pesares da súa capacidade de rexeneración) e a diminución dos animais dispersantes, que limitan o crecemento deste tipo de bosque.
TIPOS DE BOSQUES CON SOBREIRAS
Voltar ao mapa dos tipos de hábitats bosque
Hábitats bosques: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces