FACTORES ABIÓTICOS
Son todas as características físicas ou químicas que afectan aos seres vivos dun ecosistema. Na costa os factores abióticos que máis afectan son:
A proximidade ao mar fai que o sal sexa un factor abiótico principal que condiciona a distribución e aparición dos distintos vexetais. Nos cantís, nas marisma e nas dunas a vexetación sitúase en cintos de vexetación dependendo das súas adaptación ao sal. Así, na parte inferior dos cantís e máis preto da auga salgada nas marismas e dunas, as plantas están mellor adaptadas á salinidade, coma o fento mariño dos cantís, a eiruga de mar das dunas ou as sarcocornias das marismas. O que lles sucede a estas plantas é que posúen diferentes mecanismos para soportar a alta concentración salina. Por exemplo, soen ser máis grosas (crasas), xa que acumulan auga...
A luz que reciben as plantas costeiras é considerablemente superior á que poden recibir as plantas dos bosques, matos ou prados, pois ademais de estar directamente expostas a ela durante todo o día, o efecto reflector do mar e da area provoca que soamente crezan aquí as plantas con recursos para facer fronte a esta gran insolación. Así é moi frecuente que posúan peluxes e ceras reflectoras que lle dan un aspecto cincento á planta pero que limitan o quecemento da mesma, coma no pan de gaivota. Outras plantas que sobreviven a estes ambientes fortemente asollados son aquelas que teñen moi pouca superficie de exposición, coma as herbas (feo, spartina) ou os xuncos.
Dado o forte vento que soe soprar na costa acantilada, é habitual que soamente as plantas que son capaces de crecer adoptando formas almofadadas resistan ben neste ambiente. Así, é frecuente que os cantís galegos se vexan inundados pola herba de namorar, a a colexa mariña ou matos en almofada de queiruga ou toxo. Polo mesmo motivo, nas zonas areosas os vexetais tenden a ser pequenos ou con grandes raíces que lle fan resistir en pé; a máis nestes ambientes os grans de area en suspensión tamén condicionarán o crecemento.
Nas dunas e marismas é un factor importante, que fai que as plantas que aparezan teñan en xeral raíces profundas e amplas que “agarran” o substrato” coma o feo de praia. Outra posibilidade son os vexetais con raiciñas febles que aguantan ben os movementos de auga, coma as dos cebados (Zostera sp).
Por outra banda, os solos raquíticos dos cantís provocan un crecemento limitado da vexetación, sobre todo nos niveis máis baixos onde case non hai solo nas gretas.
Nas marismas este é o factor principal, xunto coa salinidade e a iluminación. A variabilidade das mareas fai que periodicamente queden expostas zonas que noutros momentos están inundadas, polo que os vexetais que crezan nesas zonas deben estar adaptados ás inundacións periódicas. Asemade, canto máis cerca está a marisma da liña de costa, maior salinidade presentan as súas augas, o que tamén condiciona o crecemento de diferentes vexetais.
FACTORES BIÓTICOS
Os factores bióticos son todas as relacións que se establecen entre os seres vivos dun ecosistema, tanto entre os individuos dunha especie como entre os individuos de diferentes especies. As relacións poden ser positivas, neutras ou negativas para cada un dos organismos que entra na relación. Algunhas das relacións que se establecen nos ambientes costeiros son:
Coma noutros ambientes, a competencia e a cooperación son os factores bióticos principais cos que se vén afectados estes vexetais. Por exemplo, o crecemento agrupados dos feos de praia facilita a estabilidade do substrato e a resistencia fronte aos ventos. Do mesmo xeito o habitual crecemento en grupo das plantas de marismas coma as verdoaga marítima ou xuncos aumenta as probabilidades de supervivencia das súas poboación nestes ambientes tan fráxiles.
Hábitats costeiros: Que é? | Tipos | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces