Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Tipos de hábitats matos: de xesta branca

A xesta branca forma xesteiras que se localizan nos terreos máis continentais e menos chuviosos de Galicia. Localízanse sobre solos silíceos, de pobres a moderadamente ricos en nutrientes, en xeral profundos e con bo humus aínda que ás veces aparecen sobre solos areosos e secos orientados en posicións de solaina ou sobre solos pobres de saíntes rochosos.

A especie característica é a xesta branca, facilmente recoñecible por ser a única xesta de flores brancas. Esta especie é endémica do occidente peninsular, desde o Algarve ata Galicia.

A xesta branca indica continentalidade e pouca chuvia na Galicia interior e tamén indica condicións de certa seca estival na Galicia atlántica e en certas áreas dos vales do Miño ou do Ulla.  É etapa de substitución de aciñeirais, bosques de cerquiños ou carballeiras.

Coma as outras xesteiras indican un solo case forestal, con estrutura, profundidade e nutrientes suficientes para que asente un bosque, o que permite que a rexeneración dos bosques a partir destes solos sexa máis fácil e rápida que desde os solos dos queirugais –toxais que se asentan en solos máis pobres.

Xesta branca

Máis información

A xesta branca aparece con outras plantas que serven para indicarnos a súa localización. Así:

  • En boa parte da provincia de Ourense, desde as baixas altitudes da capital ata ter ben rebasados os 1000m  aparece co cantroxo sampaioano.
  • En puntos moi orientais do val do Sil, aparece co piorno espiñento (Genista hystrix), indicándonos esta planta a maior xericidade da zona.
  • No tramo baixo do río Limia, nas estribacións da Serra do Xurés e en certas áreas do val do Miño e do Ulla, aparece con Halimium alyssoides e presenta un caracter máis oceánico.

Dependendo da súa localización as xesteiras de xesta branca substitúen a diferentes bosques. Así:

  • As comunidades con cantroxo son etapas de substitución de aciñeirais e reboleiras.
  • As comunidades con piorno espiñento (Genista hystrix) substitúen soamente a aciñeirais.
  • E as comunidades de Halimium alyssoides substitúen a bosques caducifoliso de rebolos, carballos ou mestura de ambos.


Voltar ao mapa dos tipos de hábitats matos


Hábitats matos: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces


Contacto e créditos