Mini Atlas Portada web Vexetais Hábitats Espazos protexidos Xeralidades

Tipos de hábitats matos: montañas orientais

Galicia é un país de relevos antigos, suavizados pola acción dos axentes de modelaxe durante millóns de anos. Non obstante, a oroxenia alpina reactivou algúns relevos do leste da comunidade, que se converteron nas maiores serras que temos hoxe en día e que fan de límite con Asturias, León e Zamora. Na zona máis ao norte, en Lugo elévase a serra de Ancares, que se continúa cara o sur polas montañas de O Courel ata o val do Sil. Este val fai de fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense. Xa en Ourense devenvólvense as maiores alturas da comunidade. Desde o Sil ascenden as serras de Cabrera, Segundeira e Trevinca, coa Pena Trevinca coma maior altura con 2.127m; un pouco máis ao oeste están os últimos macizos de consideración, Manzaneda e O Invernadeiro.

Nestas montañas a altitude e a orientación cara o sol das abas determinan as condicións climáticas xerais dunha zona. A súa vez o tipo de rochas nos macizos condiciona o desenvolvemento de distintos tipos de solos así como distintos tipos de afloramentos rochosos, que poden determinar variación de vexetación.  A máis, dado que a súa distribución vai de norte a sur haberá diferencias locais puntuais entre as montañas de Lugo e as de Ourense.

Así pois na Galicia oriental desenvólvense distintos tipos de matos moi relacionados coas condicións de montaña da zona, que soamente se suavizan un pouco no val do Sil, onde acadan  maiores condicións de mediterraneidade.

Xesteira con piornos

Xesteira con piornos

Cumes

Nos cumes  máis elevados de Ancares, Trevinca, Segundeira e Cabrera, por riba dos 1700m, onde os fríos son máis prolongados e os solos máis pobres, aparecen coma vexetación climax as cimbreiras densas e rastreiras de cimbro e arandeiras negras [Juniperus communis subsp. alpina (Juniperus nana) e Vaccinium uliginosum subsp microphyllum], acompañadas por outros poucos matos coma Echinospartum ibericum ou o fento Huperizia selago. Na parte ourensana entra unha leguminosa endémica espiñenta, a Genista sanabrensis, que necesita máis insolacións.

Que os nosos cumes estean dominadas por coníferas (cimbros) significa que representan tipos de vexetación que foron máis abundantes nos períodos glaciais cuaternarios e que persistiron no tempo adaptadas a soportar as condicións máis difíciles, nas que os bosques caducifolios teñen máis problemas para competir.

MÁIS INFORMACIÓN
Nos cumes do Macizo de Manzaneda e O Invernadoiro aparece outro tipo de mato en forma de almofada adaptado á forte continentalidade e seca estival, tamén sobre solos silíceos moi pobres e pedregosos. Son os matos dominados polo erizón ibérico espiñento Echinospartum ibericum subsp. pulviniformis  e pola gramínea Festuca graniticola, un endemismo moi restrinxido.

Se as cimbreiras se queiman ou degrádanse por calquera outro motivo, os seus solos empobrécense tamén, impedindo entón o asentamento das cimbreiras. Na vez  comezan a formarse queirogais de alta montaña de porte almofadado, moi escasos en Galicia e que soamente aparecen nos cumes das serras ourensáns Cabrera, Segundeira e Trevinca. Estes queirogais están dominados pola carroucha Erica umbellata, un mato de escaso porte e o piorno endémico espiñento Genista sanabrensis.

Abas

Todas os matos das abas das montañas orientais indican etapas de substitución dos bosques climax que deberían existir nesas zonas pero que, por queima, pastoreo, talla ou outros motivos desapareceron. Coa desaparición desdes bosques empobrécese algo o solo, co que desenvólvense piornais, xesteiras ou uceiras entre as que podería comezar a rexenerarse o bosque porque o seu solo aínda está medianamente desenvolvido.

Tipos de hábitats nas abas:

Piornais de alta montaña

Por riba dos 1500m e por baixo do nivel das cimbreiras aparecen os piornais de alta montaña. As especies características son a Genista obturisamea, un piorno endémico das montañas cantábricas nos altos cumes entre os 1500 e 2000 m e a Genista florida subsp polygaliphyllae. Distribúese polas altas ladeiras da Serra dos Ancares e en menor medida polas de O Courel e Manzaneda.

Estes piornais son a primeira etapa de substitución dos bosques caducifolios máis altos que aparecen nas montañas orientais galegas, os bidueirais orocantábricos.

Uceiras de uz moura

Nas zonas máis continentais aparecen as uceiras de uz moura, un dos tipos de matos máis representados en Galicia. Substitúen aos bosques máis continentais, coma faiais, carballeiras de carballo albar, reboleiras orocantábricas, bidueirais altimontanos e bosques mixtos que se deberían desenvolver nestas altitudes pero que son moi raros en Galicia. Esta uz ten gran capacidade de rexeneración tras os lumes.

    Uz moura
  • Nas montañas luguesas cobre ladeiras enteiras entre os 800 e 1600-1700 m.  Aparece coa queiruga maior (Daboecia cantabrica) e acadan gran densidade. Asemade aparecen outros matos como a carqueixa.
  • Nas montañas ourensáns máis mediterráneas e con ombroclima húmido, entre os 300m do Val do Sil en Valdeorras ata case os 2000m do macizo de Trevinca, polas abas dos montes do sueste aparece esta uceira coa carqueixa, aínda que entran outras especies propias de climas mediterráneos, como a Luzula lactea, o cantroxo sampaioano ou a esteba. A carqueixa indícanos que estamos en lugares de maior amplitude térmica anual e menores precipitacións que o que é habitual en Galicia.
  • A zona de contacto (de ecotono) entre estas dúas uceiras sitúase nas montañas do sueste de Lugo.

Uceiras de uz branca

Uz branca Nas zonas máis chuviosas das montañas ourensáns, entre os 400 e 1300 metros aparecen uceiras de uz branca (Erica arborea) e  piorno espiñento (Genista falcata), que substitúen aos bosques de rebolos que serían o clímax da zona.

Xesteiras de montaña

Máis abaixo, entre os 700 e 1000 m,  aparecen as xesteiras de montaña, que soportan o frío destes niveis, caracterizadas polo desenvolvemento da grande xesta negra Cytisus scoparius (nas montañas de Lugo) ou a xesta moura Cytisus striatus (nos macizos orientais ourensáns) Acompanando ás xestas sempre aparece o piorno (ou xesta pudia) Genista florida subsp. polygaliphylla.

O efecto do lume e o pastoreo fan que estes matos aparezan abertos, o que permite a entrada doutros matos que normalmente non aparecerían, coma a uz branca.



Voltar ao mapa dos tipos de hábitats matos


Hábitats matos: Que é? | Tipos | Factores | Formación | Enlaces


Contacto e créditos