Os ríos galegos caracterízanse por presentar unha gran variabilidade respecto ás características “ideais” dos tramos altos, medios e baixos:
Curso alto (zona de nacemento) – o río posúe unha forte pendente que lle permite mediante erosión afondar moito o val. Dise que o río é novo.
Curso medio – suavízase a pendente, polo que a súa capacidade erosiva diminúe . Os materiais que transportaba vanse depositando. Dise que o río é maduro.
Curso baixo – diminúe máis a pendente, polo que aparecen chairas de inundación moi amplas recheas de sedimentos aluviais. Dise que o río é vello.
En Galicia gran parte dos ríos nacen “vellos” en zonas de pouca pendente e con pouca enerxía para, aos poucos, rexuvenecer ao longo do seu percorrido, chegando a súa desembocadura incluso coma fervenzas coma a do río Xallas. Así, como os ríos galegos deben salvar diferentes desniveis causados por fracturas xeolóxicas ou rochas moi resistentes aparecen distintos fenómenos xeomorfolóxicos coma:
Fervenzas, tanto nos tramos altos, medios coma finais, que tenden a desaparecer pola acción erosiva das augas cara arriba. Algúns exemplos sos os do río Toxa, en Silleda, o río Belelle en Neda, as pozas de Mougás en Oia ou o río Cerves en Melón. Tamén o Xallas, coa súa espectacular fervenza na desembocadura e outros moitos ríos posúen fervenzas.
Canóns, debido ao encaixamento da rede fluvial nos substratos preexistentes coma é o caso do Miño no seu tramo medio, o Lor, Ulla, Eume, Tambre ou o Sil, cos seus magníficos canóns na Ribeira Sacra.
As deformacións tectónicas da litosfera galega tamén condicionan a aparicións de fenómenos de captura nas partes altas das concas dos ríos, co que regatos que botaban a un río pasan a drenar cara outro que tería maior pendente e por tanto maior enerxía.
Nos lugares de pouca pendente aparecen as típicas revoltas dos ríos, os meandros. Nestas zonas de menor pendente a baixa enerxía dos ríos fai aparecer chairas de inundación (depósitos de fondo de val) nas que se depositan os sedimentos transportados polo río (gravas, cantos, areas e limos) que poden ser erosionados en época de crecida. A baixa pendente pode dar lugar á división da canle do río en varias ramas entre as que quedan illas. Augas abaixo estas canles agrúpanse outra vez. Aparecen bos exemplos desta modelaxe no río Xallas, Mero e aqueles que divagan polas concas terciarias do interior coma a de Monforte, Terra Cha, Xinzo, Maceda ou Verín.
Por último as partes finais da maioría dos nosos ríos están inundadas formando as rías.
Como resumo pódese dicir que os nosos ríos, en xeral, son curtos e forman pequenas cuncas. Se atravesan relevos preto da costa van ter fortes desniveis (Eume, Xallas, Tambre) mentres que se comezan máis lonxe chegan a ter unha pendente regular (Anllóns). Pola Galicia interior divagan formando amplas chairas de inundación con meandros e illas, coma sucede na Terra Chá.
Caso aparte son o Miño e o Sil, os ríos que forman a maior cunca hidrográfica de Galicia. Estes ríos discorren por diferentes ambientes climáticos, litolóxicos e estructurais, estando nalgúns tramos fortemente encaixados, aínda que teñan perfís moi evolucionados.
Hábitats ríos: Que é? | Descrición | Vexetación | Factores | Formación | Enlaces